RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén de la Barrera valora o triunfo "polo feito de que non se nos puxo rápido de cara. Houbo que traballarse as cousas"

Rubén de la Barrera manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que lle gustou do choque ante o Marino de Luanco "o feito de que non se nos puxo rápido de cara. Houbo que traballarse as cousas. Nese sentido tivo maior madurez, tentamos facer moitas cousas cada pouco tempo para tentar xerarlles desequilibrios pero era un partido que había que traballalo. E este tipo de rivais son complicados. Aquí ninguén regala nada".

O técnico deportivista valora "moitísimo esta vitoria. Ningún partido é igual e menos este. Estou convencido de que o Marino nesta segunda fase vai dar moitísima guerra porque me parece un equipo moi ben adestrado e ten xogadores que non podemos esquecer que son bos".

Ademais, subliña que "temos un número de partidos reducidos e o obxectivo é tentar conseguir os tres puntos en cada un deles. Sabemos que temos que facer moi ben as cousas para que iso ocorra. Parece que Marino ou como Langreo darán guerra unicamente nos partidos de casa e iso non se axusta á realidade. Paréceme que son dous equipos que poden optar ao mesmo que nós. Dispoñen de bos xogadores, son dous equipos ben traballados e as cousas hai que facelas moi ben; e sobre todo nestas primeiras datas nas que un soña con todo tipo de posibilidades. Todos os partidos son importantísimos pero este por ser o primeiro e polo que iso supón, aínda máis".

Nesta liña, Rubén de la Barrera opina que o partido de hoxe en ABANCA-RIAZOR foi "o máis diferente de todos até a data. Un equipo (rival) que defende, concéntrase dentro, moitos xogadores, apenas aparecen espazos e iso obrígache a ir por outros lugares. Non tiña temor pero xerábame certa dúbida se iamos ser capaces de ir logrando desaxustes neles".

Pola súa banda, o ex xogador do Dépor Manel Menéndez, agora técnico do Marino de Luanco, apunta que "era o que esperabamos, que fose o Dépor o protagonista con balón e nós ben replegados, presionándolles arriba. Ao final o Dépor acábache metendo atrás pero creo que estivemos bastante ben. Vir xogar aquí a ABANCA-RIAZOR e ante o Deportivo impón. Pero os rapaces fixeron un grandísimo traballo. Aos poucos fóronse recompoñendo. Tivemos as ocasións máis claras nós na primeira parte. De marcar, a cousa cambiaría. Na segunda tivemos outra moi clara nada máis empezar. O Dépor gáñache terreo e vaiche creando ocasiones pero dá pena que perdas por un penalti que non sei se é xusto ou inxusto. Polo que me dixeron era dubidoso pero decide o árbitro".