RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Salva Ruiz opina que "polo ben da competición deberíase acabar a liga no campo" aínda que advirte que "o primeiro é a saúde"

Salva Ruiz atendeu ás preguntas dos medios de comunicación na sala de prensa virtual do RC Deportivo.

Detalla conversacións entre o Club e os futbolistas branquiazuis para superar esta complicada situación: "Os capitáns xa nos transmitiron nunha reunión que tivemos por videochamada o que pensa o Club. Agora mesmo hai negociación pero creo que se vai a chegar a un acordo pronto que favoreza aos intereses de todos. Hai unha boa sintonía entre o vestiario e o Club".

Avoga por volver canto antes "sempre que non leve un risco para a saúde. Se hai que levar a cabo un protocolo levarémolo. Creo que se vai a acabar a competición no campo. Pero o primeiro é que non exista ningún risco".

Apunta que "aínda é pronto para dicir cousas. Por iso hai un pouco de incerteza, de dúbida entre todos os estamentos. O que debe de primar é a saúde ante todo", insiste.

Tamén é partidario do fútbol no verán "se se poñen os horarios coherentemente polo tema da calor; de facer un esforzo e acabar a competición, que creo que é o máis xusto para todos".

Por todo iso, entendería un protocolo por exemplo pasar as últimas semanas concentrados case en réxime de illamento: "Se é algo que non leva risco para a saúde e é factible para levar a cabo e póidase realizar, pois se pode facer un sobreesforzo e acabar a competición. Eu creo que sería o mellor para todos. Se se ten que facer estando concentrados un mes pois tampouco pasaría nada".

A Salva Ruiz gustaríalle precisamente iso, que se terminase a competición, "que nós en particular conseguísemos a salvación no campo. Pero agora mesmo é difícil de saber. O primeiro é que non haxa riscos para ninguén. E se non hai risco, para adiante, polo ben da competición, polo ben dos clubs, dos xogadores, eu creo que se debería de acabar no campo".

O lateral deportivista advirte que este parón afectará en xeral o rendemento dos equipos: "Será coma se empezase a liga de novo se se chega a retomar. Coma se volvésemos de pretemporada. Igual equipos que estaban moi ben empezan horrible e equipos en descenso empezan como un tiro. Se se chega a retomar será como empezar de novo".

A nivel particular, indica que estaba "nun bo momento de forma cando me chegou a primeira lesión. Foi duro. E logo cando me volvín a romper contra o Cádiz tamén estaba nun bo momento de forma, atopábame ben. Estaba a facer un bo traballo cos fisioterapeutas e preparadores físicos. Foi un pau duro. Agora que ía reaparecer outra vez contra o Sporting, aínda que ao final non se xogou, volvín recaer. Está a ser duro. Estou a traballar, facendo todo o que podo. Nese sentido, a pesar de todo o malo que está a levar este parón, veume ben".

Lembra que na primeira volta "tiven bastante continuidade, bastantes minutos. Atopábame ben. Por mor da primeira lesión que tiven xurdiron varios problemas na mesma zona e non me deixaron ter continuidade; a pesar de estar a traballar cos fisioterapeutas e co doutor no ximnasio e en casa, e coidando ben a alimentación e o descanso. Pero isto forma parte da nosa vida. Ao final se fas o teu traballo chega a recompensa".

Apunta con respecto á recuperación da súa lesión que "cando vimos que se alargaba o parón e que iamos ter máis tempo para a recuperación, entre todos decidimos ir un pouco máis amodo, darlle máis tempo do normal e así asegurar máis a recuperación".

Estes días de confinamento en casa, conta Salva que "vivo pola zona de Mera. Estou a vivir nun adosado cun pequeno xardín. Iso facilítame un pouco o traballo que nos mandan para non perder a forma".