RCD / NOVAS

Samuele Longo, autocrítico: "Temos que dar mellor versión do que demos até agora"

17/10/2019 20:30

O dianteiro deportivista Samuele Longo pasou esta tarde pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

En referencia o encontro deste domingo 20 de outubro no Estadio ante o Málaga CF (16:00 horas, #Vamos), indica que "temos que competir ben, tentar gañar. Agora cada partido é importante".

Admite que, após estes últimos resultados negativos, "non estamos contentos. Hai que traballar, illarnos de todo, pensar en nós mesmos e dar o mellor cada adestramento, que é o que estamos a facer. Seguramente traballando así chegarán os resultados".

Descarta a palabra preocupación: "Non podemos estar contentos, satisfeitos co que fixemos. Somos os primeiros que nos gusta gañar e estar nesta situación non nos gusta. Non estou para nada preocupado. Temos que mirar cara a nós, illarnos de todo. Sabemos que o equipo é moi bo. Hai que levantar isto. Seguramente cando cheguen os puntos será todo máis fácil".

A nivel persoal, asegura estar "ben, contento por poder axudar ao equipo. Cando un está lesionado pásao mal e tenta volver canto antes. Tocoume a min, agora están outros compañeiros. Cando esteamos todos, todo irá mellor".

Subliña que co cambio de adestrador coa consecuente chegada de Luis César, "a xente ten que comezar de cero. Limpamos a cabeza e hai que traballar cada día para dar o mellor de nós mesmos".

De feito, mostrouse autocrítico ao recalcar que "foise Anquela porque os resultados non chegan. Sabemos que no fútbol é así. Somos nós os que saltamos ao campo e temos que dar mellor versión do que demos até agora".

Cedido esta temporada ao Deportivo polo Inter de Milán, un dos grandes clubs mundiais, Samuele Longo non sente ningunha presión engadida por esta circunstancia: "Non leo nada. Non sei como a xente me esperaba aquí. Se é así é por algo que fixen ben antes. É un motivo de orgullo, de ser feliz, non de presión. Hai que traballar o día a día para facer feliz á xente e a nós mesmos".

A falta de estrearse aínda como goleador coa camiseta branquiazul, recoñece que "cando non marcas, non estás contento. Non estou contento porque non marquei e porque temos poucos puntos e hai que mellorar en todos os aspectos. Seguramente cando melloremos como equipo chegarán os goles; e serán meus, ou dos mediocentros, ou dos defensas. O importante é o grupo. Cando melloremos todos, chegarán tamén os goles de Longo".

Máis novas de: SAMUELE LONGO