RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Sanjuán, xogador deportivista entre 1960 e 1964, morreu aos 80 anos de idade

O exjugador do Deportivo Joaquín Sanjuán Rodríguez faleceu onte mércores 4 de decembro aos 80 anos de idade na súa localidade natal, Avilés.

Sanjuán, nacido o 10 de setembro de 1939, formouse en equipos da súa terra como o Arnao e o Real Avilés, no que xogou 3 temporadas en Segunda División antes de ser fichado polo Deportivo. O xogador asturiano asinou coa entidade branquiazul o 12 de xullo de 1960, a pesar de contar con ofertas de Oviedo, Mallorca e Espanyol, entón conxuntos de Primeira División.

Sanjuán, que actuaba como extremo por calquera de ambas as bandas, debutou oficialmente coa camiseta do Deportivo o 25 de setembro de 1960, na Creu Alta de Sabadell, en partido da 3ª xornada de Segunda División ante o conxunto arlequinado que concluíu con empate (1-1). Naquela temporada 1960-1961, na que o Deportivo quedou a un paso de disputar a promoción de ascenso ao finalizar na terceira praza, Sanjuán xogou 8 partidos, nos que anotou 4 goles.

O seu segundo curso na Coruña, no que o equipo recuperou a súa praza en Primeira División despois dun lustro na categoría de prata, pasouno en branco debido ao servizo militar. Na terceira, xa en Primeira, só xogou 3 partidos, nos que marcou o único gol da súa carreira a división de honra, o 11 de novembro de 1962 en Riazor fronte ao Osasuna (3-1). Ademais, disputou 2 partidos de Copa do Generalísimo, que elevan as súas participacións oficiais coa camiseta branquiazul a 13 partidos, nos que sumou 5 tantos. O seu último partido como deportivista foi precisamente no torneo do KO, o 5 de maio de 1963 no campo de Vallejo fronte ao Levante (1-1).

Na súa cuarta campaña na disciplina deportivista, a 1963-1964, Sanjuán xogou cedido no Langreo primeiro e no Rayo Vallecano despois, para acabar desvinculándose do Club no verán de 1964.

O funeral de Sanjuán terá lugar hoxe xoves ás 17:00 horas, na Igrexa Parroquial de Santo Tomás de Cantorbery, en Avilés.

O RC Deportivo desexa mostrar as súas máis sentidas e sinceras condolencias a familiares, amigos e excompañeros de Sanjuán. DEP.