RCD / NOVAS

Sara del Estal, procedente do Espanyol da Liga Iberdrola, sétima cara nova do Deportivo Abanca

29/06/2017 11:49

Sara del Estal Mateu (Santander, 23 de marzo de 1993), coñecida deportivamente como Sara, converteuse na sétima incorporación do Deportivo Abanca cara á Temporada 2017-2018, o segundo curso da historia do conxunto feminino branquiazul.

Sara xoga como dianteira centro aínda que tamén pode desenvolverse en calquera de ambos os extremos. A xogadora cántabra chega procedente do RCD Espanyol, equipo co que xogou a pasada temporada na Liga Iberdrola. O cadro catalán concluíu na 13ª posición, cinco puntos por riba do descenso.

Non foi a primeira experiencia de Sara na máxima categoría, pois a dianteira santanderina debutou na Temporada 2014-2015 co Santa Teresa CD. O conxunto pacense finalizou aquel campionato nunha cómoda 9ª praza.

Entre medias, Sara militou unha campaña no CDEF Logroño, no grupo 2º de Segunda División Nacional. O equipo rioxano alcanzou o subcampeonato, que non foi suficiente para disputar a promoción de ascenso á Liga Iberdrola.

Tanto Sara, de 1,73 metros e 64 quilos, como a súa irmá xemelga Elisa (xunto á que xogou o pasado exercicio no RCD Espanyol) dedicáronse ao atletismo ata os 19 anos. Foi en 2012 cando comezaron a xogar ao fútbol. Fixérono no Racing Reocín, onde deron os seus primeiros pasos ás ordes dun ex xogador do RC Deportivo, o tamén cántabro Pedro Munitis (2003-2006). Co Racing Reocín, Sara xogou dúas temporadas en Segunda Nacional, a primeira no grupo 5º (9ª posición) e a segunda no grupo 2º (4ª posición).

Coa incorporación de Sara del Estal, o técnico deportivista, Manu Sánchez, xa conta con 21 futbolistas: Anita, Estefi, Miriam, María Corral, Nuria, Raquel, Tere Abelleira, Kika Moreno, Gaby García, Cris, Lía, Malena, Miga, Gere, Silvia Mérida, Peke, Patri Rúa, Iris, Laura Vázquez, Jone Bilbao e Sara.