RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Sente paixón pola cidade, o Dépor e a nosa afección", di Tino Fernández sobre Luisinho, cuxa "ilusión é seguir sumando"

O Deportivo e Luisinho irán da man polo menos ata o 30 de xuño de 2020, tal e como manifestaron este mediodía na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR o propio futbolista, que estivo acompañado polo seu axente Jorge Teixeira, e o Presidente do RC Deportivo, Tino Fernández.

Abriu o acto Tino Fernández, quen destacou que Luisinho é un xogador "especial, moi querido no Deportivo. Ademais é o único xogador que permanece desde a nosa chegada ao Consello de Administración. Para nós é unha satisfacción grande facer esta segunda renovación do vínculo, porque en realidade na nosa etapa fixemos unha primeira ampliación".

Subliña que Luisinho "sente paixón pola cidade, sente paixón polo Deportivo, pola nosa afección. Ademais tamén renovamos a Luisinho pequeno, que tamén xoga no Deportivo. Se cadra tamén é a renovación importante", chanceou.

Explicou o Presidente deportivista que "hoxe quixemos facer un acto distinto coa presenza tamén de Jorge Teixeira tendo en conta que nesta relación houbo algún momento que ningún do tres comparecentes gustounos vivir e protagonizar. Parecíanos unha forma de agradecemento e de pechar todo aquilo, que os tres, que en determinados momentos tivemos un protagonismo en relación a situacións do pasado, puidésemos comparecer todos unidos para presentar o que consideramos unha boa noticia para o Deportivo".

Pechou Tino Fernández a súa presentación lembrando que despois do incidente entre Luisinho e Arribas, "a aposta do Consello de Administración foi apostar pola continuidade de Luisinho. É certo que o final desa temporada fíxonos pensar que posiblemente a solución mellor sería outra. Tamén é certo que non queriamos perder valor patrimonial, non queriamos facelo de calquera xeito. E aí quero destacar dúas cuestións que foron importantes para que aquela situación puidese dar a volta. E quero agradecer a esas dúas persoas que fixeron posible esa situación".

En primeiro lugar referiuse a Gaizka Garitano, sucesor de Víctor Sánchez do Amo no banco deportivista: "Desde o primeiro momento transmítenos que non ve ningún problema co xogador. Para el é un xogador perfectamente válido. Por el Luisinho queda, que con el non vai pasar absolutamente nada. O comportamento vai ser perfecto", indica.

En segundo lugar, segundo confesa Tino Fernández, "pódenllo repartir Jorge (Teixeira) e Luisinho. Nun acto pouco frecuente, propón e acepta unha demostración máxima de compromiso de que non vai pasar absolutamente nada. Chegando ao meu despacho e dicindo que se hai algún problema nós mañá ímonos e o Deportivo non nos ten que pagar nada, ese é o meu compromiso co Deportivo e de comportamento. É algo que non é usual".

Finalmente, desexou o máximo dirixente deportivista ao "decano do cadro, ao futbolista máis veterano, que sexan dous anos de éxito, de felicidade, que sexa crecer, mellorar o rendemento".

Pola súa banda, Luisinho manifestou que "é unha satisfacción estar aquí dous anos máis. Contento con todo. O pasado é pasado, como ben dixo o Presidente. O importante é seguir e seguir como estamos, ser positivos e buscar a felicidade, que é o que eu tentei os anos que estou aquí no Deportivo".

Comenta o lateral deportivista que nas negociacións "sempre houbo un entendemento, sempre foi falado, sempre chegamos a un bo porto. Por iso estamos contentos polo que se conseguiu e pola forma como se alcanzou".

Destes anos vividos no Deportivo desde a súa chegada, lembra que "sabía que o tema económico non estaba moi ben. Corrín un risco e estou agradecido. Estou feliz tanto eu como a miña familia. O cambio foi para mellor. O Presidente chegou ese ano, ascendemos e a partir de aí sempre foron cousas positivas. Mantivémonos estes tres anos e a ilusión é seguir sumando e seguir no Deportivo".

Cun novo contrato por diante, asegura Luisinho que "sempre tivo un agarimo especial por este Club. Co tempo síntoo máis. Sempre pelexei para quedar aquí mesmo en momentos difíciles. Agora o futuro nunca se sabe. Pero quizais un obxectivo é acabar a miña carreira aquí no Deportivo".

Recoñece que "é o primeiro Club desde que xogo ao fútbol que estou tantos anos. Sempre estiven un ou dous anos en clubs de Portugal. Aquí xa moitos anos. É sinal de que me gusta, de que teño un agarimo por esta xente. Contento por poder continuar aquí".

Pola súa banda, Jorge Teixeira, axente do futbolista, recoñeceu o interese doutros clubs por contratar a Luisinho pero aclarou que "nos meus doce anos como axente, nunca tiven a ningún xogador que non quixo escoitar ningunha outra proposta ata que non estivesen concluídas as conversacións con Richard (Barral) e co Presidente (do Deportivo). Iso demostra a prioridade que el tiña en continuar na Coruña, en continuar no Deportivo. Por iso estamos todos contentos. Era un obxectivo persoal del".