RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Sidnei: "Estamos a ser iguais ou mellores que o outro equipo en moitos partidos"

O capitán en Bilbao, o central Sidnei, foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo, unha vez finalizado o adestramento de recuperación dos titulares onte en San Mamés.

Recoñeceu que os futbolistas branquiazuis "estamos tristes polo partido que fixemos. Ao final saír con este resultado é un pouco complicado. Cústanos un pouco, pero temos que seguir".

Opina que é "difícil de explicar" as derrotas do Deportivo lonxe de Riazor, moitas fraguadas nos últimos minutos: "Estamos a ser iguais ou mellores que o outro equipo en moitos partidos. Ao final non estamos a conseguir resultados. É difícil pero temos que seguir nesta liña, que creo que estamos ben. Estou seguro que os puntos van chegar".

Prefire Sidnei non falar sobre a xogada do segundo gol do Athletic, en posición dubidosa de fóra de xogo de Aduriz: "Esas son cousas que falamos un tempo. Xa nos pasou outras veces. Temos que mirar as cousas que fixemos ben, para seguir facendo. E o que non fixemos, mellorar para o próximo partido".

Admite o defensor branquiazul que "nos están faltando resultados fóra de casa. En casa temos empuxar e conseguir o noso obxectivo, que son os tres puntos".

Do encontro de onte, opina Sidnei que "o partido ten momentos. Fixemos unha primeira parte moi boa. A segunda parte tampouco creo que fomos inferiores a eles. O Athletic ten un gran equipo, está a xogar na casa. Onte faltounos os tres puntos que creo que mereciamos".

Subliña que non sorprendeu ao Deportivo o xogo do Athletic: "Fixemos un gran traballo. Pero o fútbol son os resultados, o que importan son os resultados. Perdemos o partido e quedámonos con mala sensación".