RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Somma, rotundo: "A afección dános moito e nós queremos dar o 110 % por eles"

Michele Somma advertiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "chega o momento final e todos os partidos son importantísimos".

O defensor italiano, titular o pasado domingo en Oviedo, asegura que "o equipo está preparado. Claro que temos cousas que debemos mellorar. Melloramos algunhas cousas respecto doutros partidos".

Destaca do partido deste sábado 6 de abril en ABANCA-RIAZOR ante o Rayo Majadahonda (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) o feito de que sexa precisamente "diante da nosa xente sempre é importante. Temos que volver gañar en casa porque a afección nos axudou moito, sempre vén ao Estadio. Necesitamos conseguir o obxectivo porque a afección merece volver a Primeira División".

Por este motivo, promete o central deportivista que "loitaremos até o final por isto, pola nosa afección e por todos. É un Club que por todo se merece volver a Primeira División".

A receita para Michele Somma é a unión: "Se estamos todos xuntos podemos conseguir o obxectivo". Iso si, lembra que "no campo estamos nós. Nós debemos volver gañar, debemos loitar como o estamos facendo até o final".

A pesar de proceder dunha liga, a italiana, con moita paixón nas bancadas, Somma non deixa de mostrar o seu agradecemento aos afeccionados: "Vemos en Oviedo a 3.000 persoas na bancada e pensamos que xogamos en ABANCA-RIAZOR. A afección dános moito e nós queremos dar o 110 % por eles".

Destaca a influencia de Carlos Fernández, ao que definiu como un "xogador incrible, fundamental para nós", pero queda co grupo: "Todo o cadro, todo o equipo somos moi fortes. Cando non xogou Carlos fixérono outros xogadores e fixérono moi ben". "Neste momento, no tramo final, necesitamos de todos os xogadores. Todos xuntos, todos nós, coa afección. Todos xuntos podemos conseguir cousas bonitas", engadiu.

A nivel individual, recoñece que "cando un ficha sempre pensa o mellor. Como todos o xogadores un quere xogar. Eu adestro todos os días forte. Ao míster fichárono para tomar decisións. É el quen as toma. Eu o respecto. Adestro todos os días para poñerllo difícil".