RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Somos realistas e temos os pés no chan, non hai que presumir de nada", sostén Vázquez

Fernando Vázquez quixo este mediodía na sala de prensa de Abegondo homenaxear ao laureado Javier Irureta, o adestrador branquiazul en 4 dos 6 títulos oficiais do Club. Desta forma, tal e como adoitaba facer o vasco nas súas roldas de prensa pre-partido, nunha época sen a presenza das redes sociais como vehículos de comunicación, Vázquez comezou hoxe a súa comparecencia pública lendo tamén nun papel manuscrito da súa propia man os nomes dos 18 futbolistas convocados para o choque de mañá venres en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol) ante o Girona FC. "Non gañou nada aquí Irureta...1 Liga, 2 Copas, 3 Supercopas. A ver se...", explicou Fernando Vázquez.

A partir de aí, someteuse ás preguntas dos medios de comunicación. Advirte que "recibimos a un equipo que o ano pasado xogou en Primeira División. Tamén está a perder, está a custarlle, pero quizais sexa dos equipos que a nivel de presión após perda sexa dos mellores de Segunda División. E ten xogadores dun valor, dunha calidade impresionante: Borja, Stuani... Tiña a esperanza de que o fichase o FC Barcelona, pero non. Un gran equipo. Pero nós estamos confiados, seguros. Imos ter unha afección que nos vai a axudar e entender. Esperamos conseguir a oitava".

Nesta liña, o adestrador branquiazul insiste en que "aínda que non bailamos a muiñeira aínda, estamos contentos porque as cousas están a ir ben. Pero somos realistas e temos os pés no chan, como hai que ter. Non hai que presumir de nada. Pídolle ao equipo humildade para estar no terreo de xogo. Sei que nalgúns momentos dá a sensación de que estamos a esperar. Hai que ter paciencia, tranquilidade e ás veces mesmo humildade deportiva para saber situarse nunha situación e esperar unha recuperación de balón que che poida dar a posibilidade de contraatacar. E iso é algo que temos que asumir todos os xogadores. E estano facendo de forma extraordinaria. Ás veces é un aspecto que non se quere valorar, pero si ten valor estratéxico e táctico".

Sobre os obxectivos do equipo, ten claro que "non nos axudaría en nada pensar noutra cousa que non sexa gañar 6 partidos máis. Se en 3 partidos estamos a 10 puntos do descenso... Pero de principio estamos ao que estamos. Gañar 6 partidos, 51 puntos. Se os conseguimos rápido, de vacacións non nos imos a ir. Ese será un momento no que todos, o equipo e a afección, podamos cambiar e imos tentalo. Ese será o momento. Perdemos esta fin de semana e gañan os de abaixo e estamos aí outra vez".

No entanto, é consciente de que o equipo "ten que evolucionar. Teño xogadores importantes nalgunha posición e creo que deberían xogar, porque son bos xogadores. Teñen que xogar os mellores e por tanto o equipo terá que amoldarse para que xoguen os mellores. Sei que teño que cambiar nese momento. Pero ese momento téñoo que decidir eu e adestralo. Xa estamos a adestrar cousas diferentes ás que facemos o domingo precisamente para poder dar ese salto, ese paso".

Finalmente, o técnico deportivista considera "estar preparado" para cando chegue a derrota: "Cando un empeza a segunda volta, que é a miña liga, dígolle aos xogadores 'temos que gañar partidos'. Pero tamén lles dixen que podiamos perder porque cando empezas unha segunda volta ou unha temporada, sabes que vas perder. Non hai ningún equipo que gañe os 42 partidos. Todos os equipos perden. É parte do camiño a derrota. É inevitable. Temos que aceptalo con normalidade porque se non, non podes competir. Non vas gañar sempre. Sei que a derrota vai chegar. É unha seguridade absoluta".

E non lle preocupa ao máximo responsable do vestiario a reacción dos afeccionados nese momento: "Confío na xente. Non lle quero impoñer o pensamento pero con que pensen con sentido común, saben que non imos gañar a segunda volta enteira. Esperamos perder os menos partidos posibles porque podemos perder 9. A xente razoa, pensa. Non creo que todos sexan kamikazes e digan 'temos que gañalo todo'. Non creo que iso pase. Aceptar con normalidade a derrota é moi importante tamén, con normalidade, como parte dun proceso competitivo. Unha derrota, dúas ou tres non vanche a impedir cumprir os teus obxectivos".