RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Táboas en ABANCA-Balaídos (1-1)

O Deportivo empatou na súa visita a ABANCA-Balaídos, onde o RC Celta B adiantouse no marcador aos 48 segundos de xogo e os branquiazuis equilibraron a balanza antes do descanso por medio de Diego Villares após unha gran asistencia de Ibai.

Borja Jiménez, preparador branquiazul, modificou tres pezas con respecto ao once inicial do pasado domingo fronte ao Pontevedra CF en ABANCA-RIAZOR. Trilli supliu a Antoñito no lateral dereito, Olabe fixo o propio con Álex Bergantiños na medular e Víctor Narro ocupou a praza de Rubén Díez na zona de tres cuartos.

Non puideron comezar peor as cousas para os deportivistas, que aos 48 segundos xa estaban por baixo no marcador. Mackay salvou dous disparos consecutivos de Lautaro pero o rexeite do segundo caeu na cabeza a Iker, que levou o coiro con facilidade ao fondo das mallas. Acto seguido, unha choiva de paquetes de panos de papel na zona ocupada polos afeccionados deportivistas provocou que o xogo estivese detido durante case 7 minutos.

O Dépor non atopou fluidez nos seus ataques, pero tampouco sufriu para protexer a súa portería. Até o minuto 19 non chegou a primeira acción de perigo, cun remate de Quiles que se estrelou nas pernas dun defensa. Tres minutos despois, Víctor Narro estivo a piques de lograr o empate, pero o seu centro-chute, que sorprendeu a Joel, estrelouse no interior do poste esquerdo da meta viguesa.

Os branquiazuis foron gañando metros e posesión e na súa mellor e máis rápida combinación lograron o gol. Mario Soriano abriu o xogo cara á esquerda, onde Ibai atopou cun sutil toque a Diego Villares que, chegando desde atrás, bateu por baixo a Joel.

No longo tempo engadido da primeira metade, un achegamento por parte de cada equipo. Primeiro, un disparo desde a frontal da área de Iker a mans de Mackay. Despois, un centro de Ibai ao segundo pau para Víctor Narro, que cabeceou frouxo.

A segunda metade arrancou polos mesmos camiños. Un Dépor máis dominador que, a través de Mario Soriano estivo a piques de adiantarse no marcador. O disparo desde a frontal da área do alcalaíno perdeuse moi preto do pau esquerdo desde a frontal. Ibai, case a continuación, enviou a pelota por riba do traveseiro. Corría o minuto 50.

O encontro penetrou entón nunha longa fase de imprecisións e interrupcións, entre infraccións e substitucións, até que o conxunto local estivo a piques de marcar por medio de San Bartolomé, que cabeceou unha falta que Mackay rexeitou como puido. O balón quedou franco a Javi Gómez pero o colexiado sinalou fóra de xogo.

Cinco minutos máis tarde foi Yeremay, que acababa de entrar en lugar de Quiles, o que tivo a oportunidade de adiantar ao Dépor. O canario recolleu un centro pasado ao segundo pau e tentou colocalo no poste contrario, pero un defensa rexeitou o balón co peito. Máis claro tívoo Diego Villares no minuto 86, cando correu un balón en profundidade de Álex Bergantiños e soltou un potente dereitazo que Joel sacou a córner nunha gran intervención.

Un dereitazo cruzado raso de Pablo Durán, no minuto 89, que detivo Mackay en dous tempos, puxo fin ás opcións de modificar o resultado por parte de ambos os equipos.

Con este empate, o segundo consecutivo, o Deportivo suma 8 puntos despois de 4 partidos, un menos que o resto de equipos e que recuperará o vindeiro mércores 28 ás 20:00 horas en ABANCA-RIAZOR fronte ao CF Talavera de la Reina.

RC Celta de Vigo B: Joel, Carrique, Carlos Domínguez, Barcia (Javi Gómez, min. 64), Medrano, Javier Domínguez, Martín, San Bartolomé (Pablo Durán, min. 81), Lautaro (Yoel Lago, min. 81), Iker (Hugo Álvarez, min. 81) e Miguel (Raúl Blanco, min. 69).

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Lapeña, Jaime, Raúl Carnero, Olabe (Álex Bergantiños, min. 78), Diego Villares, Víctor Narro, Mario Soriano (Isi Gómez, min. 74), Ibai (Kuki Zalazar, min. 65) e Quiles (Yeremay Hernández, min. 78).

Goles: 1-0 Iker (min. 1); 1-1 Diego Villares (min. 41).

Árbitro: Velasco Arbaiza (c. vasco). Cartón amarelo a Trilli (min. 14), Lautaro (min. 45), Olabe (min. 63), Javi Gómez (min. 87) e Martín (min. 87). Expulsou con cartón vermello ao fisioterapeuta do Dépor Dani Varela (min. 80).

Incidencias: partido da 5ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no estadio ABANCA-Balaídos ante 10.172 espectadores, entre eles máis de medio centenar de deportivistas.