RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Teño claro que isto é un gran Club. Quero estar aquí", asegura Sabin Merino na súa presentación

Sabin Merino Zuloaga (Urduliz, Biscaia, 4 de xaneiro de 1992) foi presentado esta mañá en Abegondo como novo xogador do Deportivo.

Como é habitual, en primeiro lugar posou para os medios gráficos coa camiseta branquiazul, acompañado por Richard Barral, asesor do Consello de Administración.

O dianteiro vasco confesou estar "moi contento de estar aquí, de debutar onte, de ter a sorte de meter un gol e axudar a que o equipo gañe. Desde o primeiro día que cheguei sentinme moi cómodo, tratáronme moi ben. Espero poder recompensalo con goles".

A nivel físico, asegurou estar "ben. Ao final a inactividade nótase. Si que estiven adestrando todos os días pero o feito de non xogar ao final nótase. Acabei un pouco canso. Subíuseme o xemelgo pero estou en condicións".

No terreo de xogo, séntese máis cómodo como dianteiro "pero durante a miña carreira deportiva xoguei máis de extremo que de dianteiro. Ultimamente no Leganés estaba a xogar máis de dianteiro. Hai que saber amoldarse, adaptarse ás posicións e hai que saber sumar onde xogues".

Apuntou que o feito de coincidir en Abegondo con ex compañeiros no Athletic como Eneko Bóveda, Peru Nolaskoain ou Aketxe, "para o día a día, sobre todo os primeiros días, axuda moitísimo. Non é como chegar a un sitio e non coñecer a ninguén; ter que adaptarche á contorna. Con eles tiven ese chisco de axuda".

Advirte que o Dépor era pechacancelas "porque nese momento ía último pero considero que o equipo, o cadro, o Club non se merece estar nesta posición. É un Club grande que move moita xente, que ten unha cidade enteira detrás. Por circunstancias estamos nesta situación pero coa axuda de todos ímolo a sacar adiante".

Sabin Merino insiste en que "este equipo pode competir contra calquera. O Cádiz CF (próximo visitante o domingo 19 de xaneiro ás 16:00 horas en ABANCA-RIAZOR) é o líder nestes momentos; pero en canto a cadro non creo que individualmente, un a un, sexan mellores que nós".

Finalmente, aclara que asina até 2022 porque "teño claro que isto é un gran Club. Quero estar aquí. Creo ao 100 % que isto se pode sacar adiante".