RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Terceira derrota para pechar a primeira volta (1-0)

O Deportivo sumou unha nova derrota a domicilio na súa visita ao Real Mallorca, que se impuxo cun solitario gol a pouco máis de 10 minutos do asubío final, trala que os branquiazuis pechan a primeira volta de LaLiga 1|2|3 no amplo grupo de cabeza, a só 3 puntos das posicións de ascenso directo.

Natxo González, preparador deportivista, modificou a aliñación inicial que presentou fronte ao CD Lugo o pasado domingo en catro posicións. Eneko Bóveda entrou no lateral dereito en lugar de David Simón, Vicente Gómez supliu a Edu Expósito, Fede Cartabia fixo o propio con Carles Gil –que nin entrara na convocatoria- e Quique substituíu a Carlos Fernández, que a pesar de que viaxou a Mallorca quedou fóra dos 18 elixidos a última hora por unhas molestias musculares.

Nos dez primeiros minutos, o Mallorca exerceu un maior dominio da posesión e territorial, merodeando con frecuencia a área coruñesa. Con todo, a súa única ocasión foi un remate de Raíllo, á saída dun córner, que se perdería pola liña de banda se Saúl non controlase a pelota. O Dépor estirouse nun par de ocasións, a máis notable nun centro de Saúl desde a esquerda que Michael Krohn-Dehli non chegou a rematar por moi pouco.

Até o minuto 24 non se produciu un novo disparo a porta. Foi unha cabezada de Bóveda nun saque de esquina. Manolo Reina atallou o coiro con seguridade. Por entón, o Dépor xa exercía o seu dominio sobre o conxunto balear con bastante insistencia. Os branquiazuis practicamente monopolizaban a posesión, pois cunha presión alta recuperaban a pelota con suma facilidade.

Pouco despois respondeu o Mallorca noutro saque de esquina que peiteou un dos defensas centrais, o eslovaco Valjent, no primeiro pau e ao que non chegou por moi pouco, na área pequena, o outro central, Raíllo.

Recentemente superada a media hora, Pablo Marí apareceu cunha cabezada salvadora, para evitar o remate chegando desde atrás de Àlex López, a centro de Sastre. Acto seguido, o propio Sastre enganchou unha volea co exterior do seu pé dereito, após un despexe en curto da zaga coruñesa. A pelota marchouse por moi pouco por riba do traveseiro do portal de Dani Giménez.

No minuto 36, Pablo Marí respondeu tamén desde a longa distancia, após unha larguísima posesión branquiazul. O durísimo disparo do central valenciano tamén se foi por riba do traveseiro da portería contraria.

O encontro chegou ao descanso sen goles e con escasas e similares oportunidades para cada equipo, pero cunha diferenza significativa na posesión do esférico: o Deportivo tívoa nun 64 por cento, polo 36 que estivo en pés do Mallorca.

A segunda parte arrancou polos mesmos camiños. O Dépor foi chegando aos poucos con maior claridade, sobre todo a través dos laterais. Na mellor acción combinativa, no minuto 53, o colexiado anulou a acción por un fóra de xogo inexistente de Fede Cartabia, que se atopaba en situación legal cando Álex Bergantiños envioulle o balón en profundidade. Valjent despexaba a saque de esquina, evitando o remate de Quique, así que ese córner non chegou a lanzarse.

No minuto 56, o poste salvou ao Dépor. Sastre disparou cruzado, Pablo Marí meteu a punta da súa bota para evitar que o balón chegase por baixo ao corazón da área e o que fixo foi levalo, con Dani Giménez lanzado cara á súa dereita, ao poste esquerdo da portería herculina.

Nese mesmo saque de esquina quen interveu decisivamente foi Dani Giménez, que sacou unha boa cabezada de Marc Pedraza, evitando ao mesmo tempo que Lago Junior chegase a remachar.

Domingos Duarte estivo a piques de ampliar a súa xa impoñente conta goleadora no minuto 62, nunha falta lateral colgada por Fede Cartabia. Completamente só, o portugués non puido precisar a súa cabezada, que saíu excesivamente centrada. Manolo Reina atrapou a pelota con seguridade.

No minuto 66, Dani Giménez interveu de novo ante outro potente disparo de Sastre. O porteiro deportivista sacou unha man milagrosa para rexeitar como boamente puido a saque de esquina. Nese mesmo córner, o recentemente ingresado Abdón Prats estrelou unha cabezada no traveseiro.

A pouco máis de 10 minutos do final do partido, o Mallorca adiantouse no marcador. Lago Junior atopouse un balón completamente só en mediocampo, enfilou a portería sen oposición e cando viu achegarse rivais, xusto á entrada da área, soltou un durísimo dereitazo por alto ante o que Dani Giménez nada puido facer.

Dous minutos máis tarde, Aridai tivo a sentenza nas súas botas, pero rematou ao lateral da rede unha clara acción de contragolpe conducido por Abdón Prats.

O Dépor apertou en busca do empate. Primeiro achegouse nunha tremenda volea de Saúl, que empalmou violentamente o rexeite á saída dun córner. Manolo Reina estivo atento e seguro para blocar a pelota.

Xa no tempo engadido, Raíllo estrelou o balón no traveseiro ao tentar desviar unha cabezada de Christian Santos.

Con esta derrota, o Deportivo pecha a primeira volta de LaLiga 1|2|3 con 36 puntos, a só 3 da zona de ascenso directo, como máximo goleador da categoría (31 tantos) e con só 3 partidos perdidos.

RCD Mallorca: Manolo Reina, Sastre, Valjent, Raíllo, Estupiñán, Dani Rodríguez, Marc Pedraza, Salva Sevilla (Xisco Campos, min. 85), Merveil Ndockyt (Aridai, min. 72), Àlex López (Abdón Prats, min. 65) e Lago Junior.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda (David Simón, min. 85), Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Krohn-Dehli (Edu Expósito, min. 73), Álex Bergantiños, Vicente Gómez, Fede Cartabia (Christian Santos, min. 76), Borja Valle e Quique.

Gol: 1-0 Lago Junior (min. 78).

Árbitro: Ais Reig (c. valenciano). Cartón amarelo a Domingos Duarte (min. 12) e Vicente Gómez (min. 64).

Incidencias: partido correspondente á 21ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio de Son Moix ante 7.593 espectadores.