RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Teresa Abelleira, aos nenos da Escola RC Deportivo: "Estar no Dépor é un privilexio que non todos poden dicir"

Dúas das capitás do Dépor ABANCA, Teresa Abelleira e Iris, clausuraron esta tarde a quenda dos mércores do quinto mes da Escola RC Deportivo, nas instalacións de Fútbol Indoor Coruña na Grela.

En total 34 nenos e unha nena, Daniela, recibiron esta tarde a visita das dúas futbolistas branquiazuis recentemente ascendidas á Primeira División do fútbol feminino nacional.

Teresa Abelleira, no seu breve discurso, díxolles aos alumnos que "pertencer ao Dépor é un privilexio que non todos poden dicir". Ademais asegurou que tanto ela como as súas compañeiras séntense "moi arroupadas" no Club.

Pola súa banda, Iris Arnáiz insistiu aos cativos que "con traballo e constancia lógrase todo".

Na quenda de preguntas, as dúas xogadoras quedan co recordo desta temporada do amigable xogado no Estadio da Luz de Lisboa ante o SL Benfica e coinciden en que a súa principal ocupación fóra do fútbol "é estar coa familia, porque non somos de aquí".

Antes da foto de familia e de asinar autógrafos a todos os participantes en postais, camisetas e zapatillas, Teresa e Iris entregaron os diplomas aos alumnos que non repiten en xuño e, por conseguinte, finalizan este mes de maio as clases.

A Fundación Real Club Deportivo puxo en marcha en xaneiro esta actividade que vai máis aló do concepto DéporCampus Cabreiroá que se desenvolve no verán, semana santa e Nadal. O seu principal obxectivo é complementar os adestramentos e a formación futbolística dos nenos e nenas da Coruña, de maneira individual, personalizada e atendendo ás necesidades de cada un.

Nela trabállanse contidos complementarios ao traballo que puidesen desenvolver nos seus clubs, no seu tempo libre e profúndase no coñecemento e adestramento do fútbol baixo a supervisión dos adestradores da canteira do Real Club Deportivo.

As familias de todos os nenos e nenas participantes recibirán nos próximos días no seu correo electrónico unha avaliación a cargo dos técnicos do RC Deportivo de cada alumno.

A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, cunha duración coincidente co curso escolar/temporada.

Toda a información da Escola RC Deportivo está dispoñible nesta ligazón.