RCD / NOVAS

Tino: "Ecoalf ten moito interese para o Dépor desde o punto de vista comercial e de RSC"

16/11/2017 19:16

Tino Fernández atendeu aos medios de comunicación á conclusión do acto de presentación do acordo de patrocinio de Ecoalf que tivo lugar este xoves na Lonxa do Porto da Coruña, para analizar diversos temas da actualidade deportivista e futbolística.

O máximo mandatario branquiazul afirmou que o acordo coa marca de moda pioneira en sustentabilidade e innovación "xurde polo noso interese en ampliar o ecosistema do Deportivo, para ter máis empresas que nos acompañen á hora de facer os nosos proxectos, tanto desde o punto de vista comercial como da responsabilidade social. Neste caso, Ecoalf ten moito interese".

Sobre o partido do partido do vindeiro domingo fronte ao Málaga na Rosaleda (12:00 horas, Bein LaLiga), Tino Fernández recoñeceu que "a nosa intención é sumar os tres puntos, o rival dános igual a situación na que se atope", en relación á situación de urxencia do conxunto andaluz, pechacancelas con 4 puntos.

Preguntado pola substitución no banco e a aterraxe do corpo técnico comandado por Cristóbal Parralo, o presidente deportivista dixo que "en xeral, todos percibimos algo que nos gusta, un cambio de tendencia. Un equipo máis xunto, máis intenso, máis compacto. O partido que xogamos nas Palmas pareceume moi bo, e contra o Atlético de Madrid, que multiplica por cinco ou por seis o noso tope salarial, penso que o empate sería o máis xusto ou mesmo a vitoria do Deportivo".

Nos últimos días, algúns xogadores comentaron que a situación lóxica do equipo debería ser entre os dez primeiros clasificados. Tino Fernández expresou que "xa que hoxe estamos en ambiente mariño, falaremos da liña de flotación, que para min neste caso é o tope salarial. Se somos o décimo terceiro tope salarial, esa debería ser a liña de flotación. A partir de aí é mellorar, e cara abaixo é empeorar".

A gran temporada do Fabril tamén saíu a colación. "O obxectivo principal do Fabril é fabricar futbolistas profesionais para o Deportivo. E tamén temos outro obxectivo, o de consolidarnos en Segunda División B", respondeu Tino Fernández aos xornalistas.

Sobre a próxima xunta de accionistas, o dirixente deportivista afirmou que espera unha xornada "tranquila, porque volvemos estar nun ano en positivo, de beneficios, no que refinanciamos a débeda e liquidamos a parte da débeda privilexiada coa Axencia Tributaria".

A implantación do sistema de vídeo-arbitraxe (VAR) a partir da próxima temporada en LaLiga Santander tamén foi obxecto de análise por parte do presidente branquiazul. "Desde o principio manifesteime totalmente a favor do VAR e da introdución da tecnoloxía como axuda á arbitraxe. Imos iniciar un camiño, un camiño de non retorno e o que vai facer é un fútbol máis xusto", aseverou.

A un mes da disputa de #onosoderbi, o 23 de decembro no Estadio ABANCA-RIAZOR, Tino Fernández sentenciou que "tamén aspiramos a gañalo, por suposto, como aspiramos a gañar en Málaga o vindeiro domingo".

Aproxímase o inverno e con iso achégase a reapertura do mercado. Tino Fernández foi tallante con respecto a este asunto. "Neste momento non está plantexada ningunha operación para o inverno. Tampouco no caso da portería. As únicas son de saída, de xente que está a ter menos minutos", afirmou.

Máis novas de: TINO FERNÁNDEZ