RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández: "espero que en maio, xuño, presentemos unha solución que nos vai a deixar con máis posibilidades de competir"

Antes de acudir á presentación do libro "De Arsenio a Arsenio", o presidente do Deportivo, Tino Fernández, atendeu aos medios de comunicación para valorar a actualidade do Club.

Respecto da sentenza sobre a débeda con Facenda lanzou unha mensaxe de optimismo e tranquilidade ao deportivismo: "temos a sentenza encima da mesa, por tanto acabamos de definir o problema da débeda do Deportivo e estamos a traballar nunha solución. Temos unha idea de como resolvelo, creo que vai saír ben e, se todo sae no escenario máis optimista, espero que en maio, xuño, podamos presentar unha solución que vai deixar ao Deportivo con máis posibilidades de competir que as que tivo estes últimos anos. Estou bastante ilusionado con que vai saír, son bastante optimista e iso vainos a permitir mellorar o tope salarial o ano que vén. Estamos a tratar de mellorar, non de repetir curso xa que o tope salarial condiciona a aspiración deportiva porque o compoñente que máis inflúe na clasificación final é o diñeiro".

Por iso segue pensando que o principal pasa pola competición: "gañar ao Málaga é un paso importante pero non definitivo. As matemáticas aínda non dan. Queda moito por dicir. Espero que nos acheguemos en puntuación aos puntos do ano pasado e se pode ser que os superemos. Non podemos pensar que cos puntos que temos estamos salvados e aínda que así fóra espero que esa non sexa a puntuación definitiva".

Sobre outro tema xudicial, como é a sentenza do 'Caso Saúl', afirmou que "a sentenza, que condena ao xogador e que só en caso de insolvencia afectaría ao Deportivo, aínda pode ser recorrida e o recorrémola no Supremo. Ademais pensamos que actuamos correctamente contratando a un xogador, comprándoo ao seu lexítimo dono (o Racing de Santander) e pagándoo. Un bo día atopámonos que o Real Valladolid denuncia ao Deportivo. Nós non pedimos o descenso do Valladolid nin absolutamente nada. Nós só defendemos que descoñeciamos un contrato que coñecemos no mesmo xuízo, asinado fóra dos prazos da lexislación deportiva e en calquera caso sen a participación do Deportivo. A nosa actuación é de libro. Non temos ningún problema institucional nin persoal co Real Valladolid, oxalá suban e lles vaia fenomenal. Eu non falei co presidente do Valladolid por teléfono na miña vida. Este é un tema institucional e só temos unha disputa técnica tras unha denuncia do Valladolid. Creo que temos razón e que o Deportivo non vai pagar absolutamente nada", concluíu.

Tino Fernández non lle deu importancia ás declaracións de Juanfran afirmando que sentía frustrado coa temporada do equipo "frustrados estamos todos. Juanfran é un mozo comprometido, que ten moita ilusión e quere moito ao Deportivo. Eu o que lle pido é que a frustración a convirtamos en enerxía positiva e lle demos unha alegría á nosa xente gañando en San Sebastián".

Sobre a proxima temporada e a situación de futbolistas que terminan contrato, como o caso de Germán Lux, que afirmou que se 'el fose o presidente renovaríase dous anos' dixo que "Lux está no seu papel, eu tamén pediría iso. Respecto da planificación deportiva, a do próximo ano non empezou. Pode pasar calquera cousa con calquera xogador. Temos tempo dabondo. O máis importante é que non conseguimos o obxectivo e cando o teñamos xa empezaremos a traballar en cuestións da próxima temporada. Iso si, sen ningunha dúbida o adestrador da temporada que vén chámase José Mel Pérez se el quere quedar".

Por último, sobre un posible regreso de Lucas Pérez ao Dépor afirmou que "é difícil atopar unha persoa que lle faga máis ilusión que a min que volva Lucas pero non é fácil. Xa veremos se se pode chegar a dar. Non me quero despistar do obxectivo primeiro, que é conseguilo matematicamente e despois tratar de crecer en puntuación. E non me vale soamente o obxectivo básico", sentenciou o presidente branquiazul.