RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández: "Esta temporada pagamos de débeda o equivalente a doce Lucas, un Lucas ao mes"

O presidente do RC Deportivo, Tino Fernández, compareceu esta mañá ante os medios de comunicación na sala de prensa do Estadio de Riazor para facer un balance da temporada recentemente finalizada e responder as preguntas dos xornalistas que cobren a información do equipo branquiazul.

Tino considera sobre a temporada do primeiro equipo deportivista que "máis que o obxectivo, cumprimos a imperiosa necesidade de estar en Primeira División, que é importantísimo para a viabilidade do Club".

O máximo mandatario, con todo, recoñeceu que "o obxectivo de dar un paso máis no deportivo non o conseguimos".

Tino Fernández argumentou a posición do equipo na clasificación final en función dos límites salariais que impón a LFP. "No fútbol é moi importante o diñeiro do que se dispón, que non é tanto o orzamento como o tope salarial, e aí o Deportivo está exactamente onde lle corresponde, no posto 16. Doce equipos, un 60 por cento da Liga, están no posto que ocupan no tope salarial ou un por arriba ou un por baixo", esgrimiu.

Preguntado sobre a importancia máxima da economía á hora de formar un equipo competitivo, Tino contestou que "non dixen que a xustificación económica sexa todo". "Creo que é o compoñente máis importante. Por momentos ás veces pensei que nos faltou caste, enerxía, competir. En partidos que perdemos e mesmo en partidos que puntuamos", argumentou sobre o rendemento do equipo.

O presidente tamén foi preguntado por unha suposta falta de profesionalidade dos xogadores. "Sobre a profesionalidade dos xogadores non dubido. Temos un cadro bo, ninguén protagonizou ningún escándalo. Non estamos a ter problemas nin de discotecas, nin de alcol, nin de coller a xogadores a 220 pola estrada", respondeu con rotundidade.

Sobre o futuro do adestrador deportivista, Pepe Mel, tamén foi rotundo. "Non houbo ningún debate con Mel. Os seus números son superiores ao que conseguimos no final da temporada. Hai boa sintonía coa dirección deportiva, co cadro, co consello, e merece empezar o novo proxecto e desenvolvelo. Confiamos plenamente en Pepe Mel e o seu corpo técnico", aseverou.

Os asuntos económicos tamén ocuparon un longo tramo da hora escasa de comparecencia do presidente branquiazul. En primeiro lugar, Tino respondeu á pregunta sobre as negociaciaciones coa Axencia Tributaria para refinanciar a débeda. "Estamos a traballar desde hai tempo e non temos ningunha novidade que anunciar. Se non conseguísemos mellorar nese sentido, posiblemente a próxima temporada repetiriamos tope salarial, e en función de quen ascenda poderiamos estar en peor posición".

Posteriormente, Tino engadiu que "non esaxero nada se digo que tiven máis de cen reunións. É un tema complexo. Non é financiar a compra dun vehículo. Falamos dunha operación complexa que ten o seu risco".

O dirixente deportivista quixo dar datos sobre a amortización da débeda no último exercicio. "O Deportivo esta temporada pagou 18.600.000 euros de débeda e aínda imos pagar uns 600.000 máis. Ou o que é o mesmo, 19.200.000, moito máis dun millón e medio de euros cada mes de débeda, un Lucas ao mes. Ou tres veces os abonos e palcos VIP. E esta é a realidade do Deportivo. Non nos dá medo, porque xa sabemos onde estabamos, onde nos metiamos. Por iso creo que á hora de analizar o rendemento deportivo hai que valorar esta parte", explicou.

Tamén quixo relacionar o pago da débeda coa imposibilidade de prolongar a estancia no RC Deportivo de varios xogadores. "Moitas veces dinme que porqué se foron Babel e Lucas, e tamén Fabricio. Se tivésemos 4 millóns de euros máis seguirían no Deportivo", argumentou, antes de lembrar que "a pesar de todo, seguimos debendo 93.255.000 euros. Segue quedando unha montaña moi alta que escalar".

Preguntado acerca da posibilidade de variar o tope salarial unha vez comezado o exercicio, Tino respondeu afirmativamente. "O tope salarial pódese mover sempre que acredites correctamente que tes eses novos ingresos ou que reestruturaches a débeda. Estamos a traballar para que sexa canto antes", explicou.

O presidente deportivista tivo que responder numerosas cuestións sobre a composición do cadro para o curso 2017-2018. "Estamos con tempo dabondo para facer o que queremos facer, que ademais tampouco vai ser de grandes cambios en canto a números. Imos tratar de facer un esforzo máis en calidade que en cantidade", asegurou.

"Non hai ningunha intención de vender a Florin Andone. Salvo que veñan coa cláusula, non hai ningunha negociación", contestou rotundamente sobre o suposto interese de varios equipos estranxeiros polo dianteiro romanés.

Tamén Juanfran e Poroto Lux foron motivo de interese para os xornalistas. "Con Juanfran vaise a executar a opción. Non se fixo pero aínda estamos en prazo. No caso da portería, temos dous porteiros xa asinados. Tomaremos a decisión no tempo que crea o Club que debe ser. Estamos en tempo para escoller a opción que sexa, en función do que ofrecan os mercados, porque aínda estamos en maio", contestou Tino.

O gran soño do deportivismo é o regreso de Lucas Pérez. Tino non escondeu o interese do Club en que o dianteiro volva vestir de branquiazul. "Para nós é unha prioridade que volva Lucas, pero non é fácil, porque ten un contrato moi alto e por varias temporadas. Estamos a falar con eles. Se houbese unha saída, nós somos a primeira opción de Lucas. Non creo que esa hipotética saída de Lucas do Arsenal poida producirse pronto", explicou, antes de recoñecer que "Guilherme interesa, así que imos ver que se pode facer".

Tino tamén quixo expor o carácter non vendedor do proxecto 2017-2018. "Se veñen a por Sidnei con 6 millóns non o imos vender. Non temos necesidade de vender. O escenario orzamentario que estamos a facer é sen ingresos por vendas", afirmou.

Tamén algúns xogadores cedidos foron motivo de análise. "Contamos con Pablo Insua, neste momento non podo dicir máis. Con Róber, tamén. O Levante quéreo pero non sería descartable que primeiro estea aquí para facer a pretemporada connosco", explicou.

"Luisinho ten un ano máis de contrato e vai seguir no Deportivo. Iso é porque estamos contentos con el. Fixo unha boa temporada e tivo o comportamento dunha persoa extraordinaria", dixo o presidente deportivista, que tamén asegurou que "Laure é un xogador con contrato en vigor que se conta con el".

Sobre os sucesos ocorridos nas bancadas de Riazor durante o último partido de Liga fronte á UD Las Palmas, Tino non quixo profundar moito máis alá de comentar que "o que pasou non é agradable. Podes non compartilo, pero hai que respectalo".

Iso si, deixou claro que "seguimos na mesma posición con respecto ás pancartas. Sempre defendemos ao Deportivo, ese é o noso único compromiso. O que expón a Comisión Antiviolencia para nós non ten razón", aínda que pediu aos afeccionados branquiazuis que "na medida que se poida acábense os insultos. Non é fácil defenderse cando as multas son por cánticos".

A cuberta de Riazor acaparou varios minutos da intervención do máximo mandatario branquiazul. "Nós tratamos de defender ao Deportivo. Unhas veces temos encontros e outras, desencontros. A relación co Concello é boa e vai a mellor. No tema concreto das cubertas fixéronnos un avance dos resultados do anteproxecto. Polo que nos dixo o alcalde, en xuño ou xullo presentarano. Desde a minicrisis por mor da suspensión do partido do Betis está a cumprirse todo o que se dixo", recoñeceu.

Tino Fernández falou tamén sobre a pretemporada vindeira, tras o adianto ofrecido por Pepe Mel durante a rolda de prensa posterior ao último encontro do campionato. "O partido do Porto non está confirmado ao cento por cento, porque un cambio de adestrador fai que estean a esperar se ese programa de pretemporada cúmprese ou non. A pretemporada está practicamente perfilada ao cento por cento. Queda por pechar o Teresa Herrera, co mesmo esquema destes anos, facer o Teresa Herrera feminino antes do masculino e se pode ser cun dobre enfrontamento ante o mesmo club", matizou.

Cuestionado sobre a posibilidade de organizar un novo derbi en pretemporada, Tino asegurou que xa está completamente descartado. "Este ano non está previsto que xoguemos contra o Celta. É un formato do que non podemos abusar, porque ten un punto extraordinario. Ademais, fixémolo con formatos para xerar diñeiro para o fútbol galego a través da FGF. Uruguai tivo un rendemento económico importante, cuns 230.000 euros para cada unha das partes, Dépor, Celta e FGF", expuxo.

Sobre o formato da pretemporada, Tino avanzou que "o adestrador quere bastantes partidos, cunha formulación de xogar cun once no primeiro tempo e outro no segundo".

Na súa análise do Deportivo Abanca, o presidente cualificou a temporada do seu debut de "éxito". "O Deportivo fixo un proxecto moi bo e xeramos o efecto tractor no fútbol feminino. O noso obxectivo o ano que vén é quedar campións de grupo e ascender", comentou.

Por último, Tino dixo que comprende todo tipo de comentarios, positivos e negativos, acerca do labor dos diferentes estamentos do Club. "Entendo as críticas. Á secretaría técnica e a min tamén. Isto é o fútbol e a xente tense que expresar", respondeu.