RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tres contragolpes deixan ao Dépor sen liderado para acabar o ano (3-0)

O Deportivo recibiu un castigo excesivo no Estadio Ramón de Carranza, onde o Cádiz aproveitou as súas escasas oportunidades, en tres contragolpes, para levar un partido no que os branquiazuis gozaron do 70 por cento da posesión pero topáronse en numerosas ocasións co acerto do porteiro local.

O técnico deportivista, Natxo González, modificou o esquema do equipo para saír de inicio con tres centrais en detrimento do mediapunta. A pesar diso, só houbo dúas caras novas no once inicial con respecto á formación que derrotou ao Real Zaragoza a pasada fin de semana: Michele Somma substituíu a Pedro Sánchez, mentres que David Simón relevou a Eneko Bóveda no lateral dereito.

Despois dun cuarto de hora de fútbol control, sen achegamentos claros a ningunha das dúas porterías, o Cádiz adiantouse no marcador na primeira ocasión do encontro.

Unha imprecisión na circulación do balón do cadro deportivista acabou en pés de de Jairo, que encarou a Somma, gañou a liña de fondo e centrou raso para a chegada de Lekić, que se anticipou a Pablo Marí para meter a punta da bota e superar a Dani Giménez.

A primeira oportunidade dos deportivistas estivo nas botas de David Simón, que rematou alto de volea, desde dentro da área, un centro pasado de Diego Caballo. Corría o minuto 25 de encontro.

No minuto 29, o Cádiz gozou dunha falta directa na frontal da área. Brian enviouna por pouco por riba do traveseiro, aínda que Dani Giménez tiña ben cuberta a portería.

Tres minutos máis tarde, Borja Valle tivo unha boa ocasión para lograr o empate. O seu remate, a centro raso de Diego Caballo, saíu mordido, á esquerda da portería de Cifuentes.

O Dépor intensificou o seu dominio nos minutos finais do primeiro tempo, nos que o Cádiz, un equipo que se sente cómodo xogando ao contragolpe, cedeu terreo. No minuto 43, Edu Expósito enganchou unha dura volea coa zurda desde dentro da área, despois dunha deixada de David Simón a centro de Diego Caballo. Cifuentes, ben colocado rexeitou o coiro como puido e o rebote paseouse por diante de Quique e Borja Valle sen que ningún deles puidese contactar co balón.

Coa vitoria pola mínima do equipo amarelo chegouse ao descanso. No mesmo, quedou na caseta Álex Bergantiños para deixar o seu sitio a Michael Krohn-Dehli.

O encontro seguiu polos mesmos camiños na segunda metade, co control do Deportivo que, con todo, non puxo a proba a Cifuentes até o minuto 55. Fíxoo Edu Espósito, mediante un disparo lonxano. O porteiro local respondeu con seguridade.

Aos 65 minutos, Cifuentes evitou o empate deportivista nun disparo de Borja Valle. O berciano fíxose cun balón rebotado á entrada da área, rematou cruzado e o capitán cadista chegou coa punta das súas luvas para desviar a pelota o xusto. Un minuto despois, Domingos non puido precisar a súa cabezada a centro de Diego Caballo na segunda xogada dun saque de esquina. O balón perdeuse á esquerda do marco andaluz.

Entrou Fede Cartabia en lugar de Edu Expósito e o arxentino tomou a responsabilidade de buscar portería nun libre directo, por mor dunha dura falta de Marcos Mauro sobre Quique. O disparo do recentemente incoporado saíu por riba do traveseiro. Pouco despois, un centro-chute de Krohn-Dehli estivo a piques de sorprender a Cifuentes, que reaccionou a tempo para despexar a saque de esquina.

Non foi capaz de empatar o Dépor e o Cádiz puxo máis terra polo medio como lle gusta, a través dun contragolpe. No minuto 79, Manu Vallejo culminou cun potente disparo por alto, imposible para Dani Giménez, un avance de Álex Fernández pola dereita.

Non se deu por vencido o Dépor, que estivo a piques de acurtar distancias no minuto 84 nun duro zurdazo de lonxe de Krohn-Dehli que Cifuentes desviou a córner. Por entón, os branquiazuis xa xogaban co seu debuxo habitual ao entrar ao terreo de xogo Carles Gil en lugar de Somma.

Xa en tempo de desconto, outra vez o porteiro local desbaratou un duro disparo deportivista, nesta ocasión saído da bota esquerda de Carles Gil. Con todo, cando o partido xa finalizaba, o Cádiz redondeou o resultado co seu terceiro gol, obra de Carrillo.

Despois desta derrota, a segunda da temporada en 19 partidos, o conxunto branquiazul perde a ocasión de finalizar o ano como líder e acaba 2018 con 35 puntos, iso si, metido de cheo no grupo de cabeza de LaLiga 1|2|3, a só 3 puntos do primeiro clasificado, o Granada CF.

Cádiz CF: Cifuentes, Rober Correa, Kecojević, Marcos Mauro, Brian, Garrido, José Mari, Álex Fernández (Carrillo, min. 90), Manu Vallejo, Jairo (Carmona, min. 86) e Lekić (Dani Romera, min. 75).

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Somma (Carles Gil, min. 82), Domingos Duarte, Pedro Marí, Diego Caballo, Edu Expósito (Fede Cartabia, min. 72), Álex Bergantiños (Krohn-Dehli, min. 46), Vicente Gómez, Borja Valle e Quique.

Goles: 1-0 Lekić (min. 15); 2-0 Manu Vallejo (min. 79); 3-0 Carrillo (min. 90+4).

Árbitro: Díaz de Mera Escuderos (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Pablo Marí (min. 28), Domingos Duarte (min. 45+1), Marcos Mauro (min. 72), Jairo (min. 85), Carmona (min. 90+2) e Cifuentes (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 19ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio Ramón de Carranza ante 14.126 espectadores.