RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tres puntos tan sufridos como merecidos (2-1)

O RC Deportivo sumou a súa segunda vitoria na liga 2017-2018, a segunda consecutiva en casa, ao derrotar con todo merecemento ao Getafe, nun partido no que tivo que darlle a volta ao tanto inicial dos madrileños, con goles de Lucas Pérez e Florin Andone, este no minuto 87.

Pepe Mel, adestrador do RC Deportivo, realizou un único cambio con respecto ao once que presentou de inicio o pasado domingo no RCDE Stadium. Sidnei regresou tras varios partidos ausente da convocatoria, para ocupar o lugar de Alejandro Arribas no centro da zaga.

O primeiro cuarto de hora de xogo desenvolveuse con escasas chegadas a ambas as áreas. Tanto Deportivo como Getafe trataron de manter a posesión o maior tempo posible e complicarse a vida o menos posible.

A primeira ocasión clara produciuse no minuto 20, cando un balón larguísimo de Schär ás costas de Djené voleouno Lucas ao lateral da rede da portería visitante. Catro minutos despois, Fede Valverde cabeceou frouxo, ás mans de Guaita, un centro desde a dereita de Fede Cartabia.

Ao fío da media hora, Guaita evitou o gol despexando cos puños un remate de Fede Valverde que o colleu a contrapé.

Por entón, o Getafe ameazara en senllas contras en superioridade, aínda que en ningunha delas chegou a poñer a proba a Costel Pantilimon. Na segunda, Luisinho freou en falta a Amath, nunha acción que lle custou a cartolina amarela.

No minuto 38 produciuse a mellor ocasión do Deportivo ata entón. Lucas recolleu un rexeite da zaga madrileña na frontal da área. O dianteiro sacouse un potente zurdazo que repeleu Guaita. O balón caeu a pés de Juanfran que, escorado á dereita, tratou de bater por baixo ao porteiro visitante, que desviou o esférico co baixo ventre na súa saída á desesperada.

A piques de chegar ao intermedio, Lucas tratou de sorprender a Guaita nun libre directo por fóra da barreira. O remate escapouse a escasos centímetros do pau dereito do marco xetafense.

A segunda metade comezou cun duro lanzamento de Emre Çolak desde a frontal da área que despexou a córner Guaita dunha maneira tan estraña como efectiva. Ante a carreira de Lucas cara a un posible rexeite, o gardameta visitante rectificou o seu xesto en última instancia para desviar o balón cara á liña de fondo. No córner, Sidnei, no segundo pau, bateu con tremenda violencia, pero o coiro estrelouse no lateral da rede, moi preto da escuadra.

Con todo, na súa primeira ocasión clara, o Getafe púxose por diante no marcador. Amath, completamente só, encarou e regateou a Schär, para a continuación bater a Pantilimon cun suave disparo raso. Dez minutos despois, Pantilimon evitou o 0-2 nun man a man con Amath, espectacular entrando na área cunha 'roulette'.

Desperdiciou o Getafe a oportunidade de abrir oco e o Dépor castigou severamente o seu erro. Juanfran atopou unha autoestrada pola banda dereita e centrou por baixo buscando a Lucas que, á media volta, bateu cun suave zurdazo a Guaita. Foi o primeiro tanto do dianteiro coruñés no seu regreso ás filas branquiazuis.

No minuto 72, Fede Cartabia tivo o 2-1, pero Guaita, extraordinario unha vez máis, rexeitou o seu disparo de socato, tras un fenomenal pase de Lucas.

Tras uns minutos de incerteza, de constantes perdas de tempo por parte do cadro visitante e sen accións nas áreas dignas de mención, chegou o segundo tanto deportivista. Os branquiazuis tocaron dun lado ao outro, sen desesperarse, ata que Bakkali, que acababa de entrar por Fede Valverde centrou á área. A retagarda madrileña despexou en curto e o balón caeu a pés de Fede Cartabia, que buscou un tiro colocado. O mesmo desviouno levemente un defensa xetafense, o que fixo que superase por riba a Djené e caese a pés de Florin Andone. O romanés superou a Guaita tras anticiparse á súa saída. Corría o minuto 87.

Despois de case seis minutos de tempo engadido, Estrada Fernández deu por finalizado o encontro.

Con este triunfo, o Deportivo colócase con 7 puntos, cos que abandona a zona de descenso xusto antes do parón polos partidos de seleccións.

RC Deportivo: Pantilimon, Juanfran (Gerard Valentín, min. 83), Schär, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Borges, Fede Cartabia, Fede Valverde (Bakkali, min. 84), Emre Çolak (Andone, min. 67) e Lucas.

Xetafe CF: Guaita, Damián Suárez, Djené, Juan Cala, Antunes, Álvaro Jiménez, Markel Bergara, Arambarri (Portillo, min. 88), Amath, Jorge Molina (Sergio Mora, min. 78) e Ángel (Molinero, min. 56).

Goles: 0-1 Amath (min. 54); 1-1 Lucas (min. 66); 2-1 Andone (min. 87).

Árbitro: Estrada Fernández (c. catalán). Cartón amarelo a Luisinho (min. 26), Damián Suárez (min. 33), Jorge Molina (min. 62), Schär (min. 64), Markel Bergara (min. 69), Juanfran (min. 83), Andone (min. 87), Bakkali (min. 89) e Guilherme (min. 90+3).

Incidencias: partido correspondente á 7ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 19.476 espectadores.