RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor sen puntaría suma un novo empate (0-0)

O Deportivo deixouse outros 2 puntos no camiño, ao empatar esta noite no Estadio ABANCA-RIAZOR fronte á UD Almería nun partido equilibrado e con poucas ocasións en ambas as porterías.

O adestrador deportivista, Natxo González, revolucionou o once inicial, con 6 cambios con respecto ao que presentou no último partido, o que supuxo a primeira derrota da temporada no Estadio ABANCA-RIAZOR, fronte á UD Las Palmas. En defensa, David Simón supliu a Bóveda no lateral dereito e Saúl ao sancionado Diego Caballo no esquerdo. En mediocampo, Didier Moreno ocupou a posición de Pedro Mosquera e Fede Cartabia fixo o propio coa do tamén castigado Edu Expósito. En ataque, Borja Valle substituíu a Nahuel e Christian Santos fixo o propio con Quique.

Empezou enchufado o Almería. Xusto cando se cumpría o minuto 3, Corpas estrelou o primeiro disparo do partido no pau esquerdo da portería de Dani Giménez.

Con todo, o Deportivo fíxose pronto coas rendas do partido. De todos os xeitos, a pesar de que engarzou boas accións en tres cuartos de cancha, non concretou ningunha cun remate a porta. Iso volveu facelo o conxunto visitante, xa no ecuador do primeiro período, cando Iván Martos empalmou desde a frontal un rexeite da zaga coruñesa. O balón perdeuse á esquerda do marco local.

A primeira ocasión branquiazul produciuse no minuto 22, cando Pablo Marí cabeceou por encima de todos os rivais un saque de esquina lanzado por Pedro. A pelota marchouse, por moi pouco, por riba do traveseiro da portería defendida por René.

Superada a media hora, os deportivistas chegaron en varias ocasións consecutivas polo extremo dereito. En todas elas, David Simón non atopou rematador, nin deixando o balón raso cara á media lúa nin buscando unha cabeza na área pequena.

Aos 32 minutos, o colexiado perdoou un claro segundo cartón amarelo a Saveljich, por unha dura entrada sobre Pedro.

Preto do minuto 40, o ex deportivista Juan Carlos estrelou unha falta na barreira e o rexeite caeu a pés de César de la Hoz. O centrocampista branquivermello rematou con moita intención buscando a escuadra esquerda do portal coruñés. Instantes despois, Dani Giménez repeleu un potente dereitazo lonxano do propio Juan Carlos.

Sen movementos no marcador, Trujillo Suárez deu por concluída a primeira metade cando só pasaban 5 segundos dos 45 minutos regulamentarios.

Tardou 10 minutos en roldar con perigo algún equipo os dominios do porteiro rival. Nesta ocasión foi o Dépor, que chegou con claridade pola esquerda con Borja Valle. O berciano profundou para Saúl, que sacou un bo centro á cabeza de Christian Santos. O venezolano, antes que rematar, preferiu deixar para a chegada de Pedro, que con René moi encima, non o puido superar tamén cunha cabezada.

Cando se cumpría a hora de xogo, Dani Giménez evitou que o Almería se adiantase no marcador, ao rexeitar un man a man con Corpas, só ante o porteiro deportivista grazas a un perfecto contragolpe posterior a un córner a favor do Deportivo.

De novo Corpas gozou dunha clarísima oportunidade para abrir o marcador. No minuto 72, o extremo dereito anticipouse a Saúl para rematar de socato un pase da morte de Luis Rioja. A pelota, por escasa marxe, perdeuse xunto ao poste dereito da portería coruñesa.

A un cuarto de hora da conclusión, Natxo González fixo debutar a Vítor Silva, que entrou por Saúl. Deste xeito, David Simón cambiou a súa posición ao lateral esquerdo e Pedro retrocedeu ao lateral dereito.

Pouco despois, René chegou tarde a un fantástico pase en profundidade de Vítor Silva que buscaba Nahuel, ao que derrubou fóra da área. O colexiado pitou a falta e unicamente mostrou o cartón amarelo ao porteiro visitante. O libre directo lanzouno Fede Cartabia con potencia e intención, pero René respondeu sacando os seus puños para afastar o perigo.

No tempo engadido, Domingos Duarte tivo a mellor ocasión deportivista en todo o partido. O central recibiu un bo balón na área de pés de Nahuel. No man a man, o xogador portugués estrelou o disparo contra René, cando levaba ao seu lado a Didier Moreno.

Co 14º empate da temporada, o Deportivo suma 53 puntos, continuando unha semana máis no grupo de cabeza de LaLiga 1|2|3, a 4 puntos da zona de ascenso directo.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl (Vítor Silva, min. 78), Vicente Gómez, Didier Moreno, Pedro, Fede Cartabia, Borja Valle (Nahuel, min. 67) e Christian Santos (Quique, min. 78).

UD Almería: René, Romera, Owona, Saveljich, Iván Martos, Yan Eteki, De la Hoz, Corpas (Narváez, min. 73), Juan Carlos (Chema, min. 79), Luis Rioja (David Rocha, min. 89) e Álvaro Giménez.

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Saveljich (min. 25), Vicente Gómez (min. 44), De la Hoz (min. 52), René (min. 82), Álvaro Giménez (min. 84) e Fede Cartabia (min. 84).

Incidencias: partido correspondente á 31ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 16.310 espectadores.