RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un gol de Bicho decide o amigable do Dépor en Cerceda (0-1)

O Deportivo impúxose ao Cerceda (0-1) no campo do Roxo no cuarto partido desta pretemporada. Decidiu o choque un tanto de Bicho no primeiro minuto da segunda metade.

Foi ademais o debut de Zakaria Bakkali, que xogou en punta de ataque tras incorporarse hoxe mesmo procedente do Valencia.

Ademais de Fede Cartabia, quedou na Coruña Óscar Pinchi, cunha lesión muscular de grao 1 no recto anterior da coxa dereita. Estará uns días con tratamento médico e de fisioterapia. Unha vez superada esta fase, iniciará a etapa de readaptación deportiva, baixo a supervisión de Fran Molano.

Nesta segunda semana de amigables de pretemporada, Pepe Mel dispuxo hoxe un once que xogou os primeiros 60 minutos de partido. Con Tytoń tamén no campo, o técnico deportivista introduciu dez cambios para a última media hora.

Dúas incorporacións de Fernando Navarro, unha delas sacada baixo paus pola defensa local; varios saques de esquina que foron rematados desviados e un cabezazo de Andone a centro de Bicho que se escapou por moi pouco foron as mellores ocasións branquiazuis no primeiro tempo.

Aínda que o dominio correspondeu en todo momento ao Dépor, dada a lóxica superioridade física e técnica, non foi ata a segunda metade cando os branquiazuis romperon o partido.

Nada máis comezar a segunda metade, Bicho marcou o único tanto do encontro, tras unha triangulación con Juanfran e Emre Çolak. No minuto 59, Pepe Mel cambiou a todos os xogadores salvo a Tytoń. Deste xeito, produciuse o debut de Bakkali, que no seu primeiro balón como deportivista estivo a piques de marcar. O rexeite do porteiro ao seu remate caeu a pés de Bruno Gama, que estrelou o seu disparo no traveseiro.

Cerceda: Gorka, Noé, César, Elzalde, Soto, Agulló, Álvaro, Hugo, Pedrosa, Carlos y Cañi. Tamén xogaron: Daniel, Damián, Balboa, Fabio, Martín, Ángel, Rodrigo, Álex, Dani Costa, Róber e Manu.

Deportivo, primeira metade: Tytoń, Juanfran, Arribas, Róber, Fernando Navarro, Edu Expósito, Pedro Mosquera, Bicho, Emre Çolak, Borja Valle e Andone.

Deportivo, a partir do minuto 59: Tytoń, Valentín, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Borges, Bruno Gama, Fede Valverde, Carles Gil e Bakkali.

Gol: 0-1, min. 46: Bicho.

Árbitro: Pablo Brea Peón.