RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un gol de Christian Santos dá a vitoria ao Deportivo no Trofeo Ramón Losada de Luarca

O Deportivo impúxose pola mínima ao Unionistas de Salamanca, mercé a un gol de Christian Santos na primeira metade, en partido disputado na localidade asturiana de Luarca que lle valeu a conquista do XX Trofeo Ramón Losada.

Anquela dispuxo un once inicial eminentemente fabrilista. Só 4 futbolistas do primeiro cadro saltaron de inicio ao terreo de xogo de La Veigona, con vistas a dosificar os esforzos da pretemporada de cara á cita estrela do verán, o vindeiro sábado 10 de agosto no LXXIV Trofeo Teresa Herrera, fronte ao Real Betis no Estadio ABANCA-RIAZOR.

No minuto 17, Gerard Valentín anticipouse ao porteiro após un pase en profundidade de Vicente Gómez, pero escorouse en exceso e a defensa conxurou o perigo.

Recentemente superada a media hora, un centro pechado de Javi Sánchez estrelouse na mesma cruceta da portería salmantina após rozar en Pedro. No minuto 36 foi Vicente Gómez o que acariñou o gol. Após facerse co balón após un despexe curto da zaga castelá, empalmou unha volea dentro da área que se marchou rozando o traveseiro.

Dominaba o Deportivo con claridade e plasmouno no marcador no minuto 38, cando Christian Santos levou ao fondo das mallas con facilidade un balón rexeitado polo traveseiro após un despexe defectuoso de Zubiri a centro de Javi Sánchez. O propio dianteiro que chegou este verán procedente do Rápido de Bouzas estivo preto de ampliar a vantaxe catro minutos despois, ao final dunha gran acción colectiva, pero non precisou o seu remate no man a man con Brais Pereiro.

Na segunda metade, o dominio deportivista xa non foi tan intenso en canto a achegamentos á portería contraria. Á hora de xogo comezou o carrusel de cambios, coas 3 primeiras substitucións nas filas branquiazuis. No minuto 73, Anquela realizou outras 7 modificacións.

Gaku estivo a piques de estrearse como goleador ao enganchar unha volea á saída dun córner, pero o seu disparo rozou un defensa e perdeuse por encima do traveseiro por moi pouco, a un novo saque de esquina.

Deportivo: Koke Vegas, Valín (David Simón, min. 62), Bourdal (Lampropoulos, min. 73), Mujaid (Somma, min. 73), Martí Vilà (Luis Ruiz, min. 73), Gandoy (Álex Bergantiños, min. 73), Vicente Gómez (Gaku, min. 62), Gerard Valentín (Borja Galán, min. 73), David Sánchez (Aketxe, min. 73), Javi Sánchez (Diego Caballo, min. 73) e Christian Santos (Borja Valle, min. 62).

Unionistas de Salamanca: Brais Pereiro, Gallego (Felipe, min. 62), Pedro (Piojo, min. 46), Zubiri, Javi Navas (Góngora, min. 62), David Grande (Diego, min. 71), Álvaro (Jordan Blaise, min. 46), Ribelles (Ayoze, min. 71), Iván Garrido (Romero, min. 46), De la Nava e Cristian Portilla (Guille, min. 71).

Gol: 1-0 Christian Santos (min. 38).

Árbitro: Carbajales Gómez (c. asturiano) Cartón amarelo a Romero (min. 68).

Incidencias: partido amigable correspondente ao XX Trofeo Ramón Losada, xogado no campo de La Veigona (Luarca) ante medio milleiro de afeccionados.