RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un lategazo de Raúl Carnero dá ao Dépor o primeiro éxito a domicilio (0-1)

O Dépor sumou os tres puntos no seu primeiro encontro da temporada lonxe de ABANCA-RIAZOR, en campo do AD Mérida, grazas a un imparable zurdazo afastado de Raúl Carnero nos últimos minutos da primeira metade.

O técnico deportivista, Borja Jiménez, realizou un só cambio con respecto ao once que abriu o campionato ligueiro a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR fronte á Real Balompédica Linense. Gorka Santamaría deixou o seu lugar como referencia en ataque a Kuki Zalazar, unha das últimas incorporacións do mercado estival.

O Deportivo tivo moita maior posesión que o seu rival no primeiro cuarto de partido, pero non realizou ningún remate a porta, ben pola imprecisión dos centros laterais, ben pola imprecisión do último pase.

As oportunidades foron cousa do conxunto local. Fran Viñuela abriu a lista de ocasións no minuto 7, cun potente dereitazo desde 25 metros que se foi alto por pouco. Tres minutos despois, Makaay tivo que saír cos pés fóra da área a despexar un balón longo ás costas dos centrais branquiazuis ao que chegaba Viñuela. Ao cuarto de hora, Nando Copete culminou un contragolpe cun disparo á esquerda do portal coruñés. Aos 24 minutos, Dani Sandoval finalizou outra contra cun disparo moi alto.

O primeiro lanzamento deportivista foi á media hora, moi afastado e alto, obra de Lapeña xusto antes da pausa de hidratación.

Quiles, no minuto 35, acariñou o gol. O seu disparo raso desde fóra da área saíu pegado ao pau esquerdo, a córner após rozar en Alvaro Ramón. Após ese mesmo córner, Raúl Carnero adiantou ao Dépor, batendo de potente zurdazo cruzado a Javi Montoya, que só puido rozar a pelota, tralo rexeite do saque de esquina que recolleu e deixou cara atrás Mario Soriano. Foi o primeiro tanto oficial do canteirán co primeiro equipo no seu sétimo partido, o segundo da súa nova etapa na Coruña despois daquelos primeiros cinco encontros na temporada 2009-2010 ás ordes de Miguel Ángel Lotina.

A segunda metade comezou con dobre cambio nas filas coruñesas. Borja Jiménez moveu o banco tralo descanso, introducindo aire fresco con Olabe en lugar de Álex Bergantiños e con Rubén Díez por Kuki Zalazar.

Despois dun tramo inicial de empuxe local, o Dépor volveu facerse coas rendas do partido, monopolizando a posesión, tratando de defender co balón. Antes, no minuto 52, un centro de Viñuela desde a liña de fondo que desviou Lapeña estrelouse no poste dereito da portería coruñesa antes de que Raúl Carnero afastase o perigo.

Un zurdazo de Quiles desde fóra da área, moi por riba do traveseiro, foi a resposta coruñesa, no minuto 55. o conxunto estremeño non volveu disparar con certo perigo ata que o minuto 74, cando Larrubia probouno de lonxe, aínda que o balón foi moi centrado a mans de Mackay.

Após unha nova pausa de hidratación, os minutos finais foron de novo de empuxe emeritense, pero cun Dépor ordenado atrás e que soubo manexar o tempo do partido. A mellor ocasión local chegou no cuarto do seis minutos de tempo engadido, nunha falta inexistente de Lapeña sobre a mesma liña da área que Pipe estrelou na barreira herculina.

Con este triunfo, os deportivistas suman o pleno de puntos (6 de 6) nos dous encontros que puideron disputar no que vai de temporada, trala suspensión do primeiro deles fronte ao DUX Internacional de Madrid, finalmente expulsado da competición e que foi substituído polo CF Talavera de la Reina.

AD Mérida: Javi Montoya, Pipe, Nacho González, Erik, Álvaro Ramón (Llacer, min. 82), Meléndez, Luis Acosta (Kamal, min. 82), Artiles (Carlos Cinta, min. 82), Viñuela (Larrubia, min. 69), Nando Copete e Dani Sandoval (Lolo Pla, min. 59).

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Jaime, Raúl Carnero, Álex Bergantiños (Olabe, min. 46), Diego Villares, Quiles (Santamaría, min. 78), Mario Soriano (Ibai, min. 86), Víctor Narro (Isi Gómez, min. 78) e Kuki Zalazar (Rubén Díez, min. 46).

Gol: 0-1 Raúl Carneiro (min. 35).

Árbitro: Manrique Antequera (c. andaluz). Cartón amarelo a Luis Acosta (min. 60), Olabe (min. 65), Jaime (min. 66), Artiles (min. 68), Viñuela (min. 68) e Isi Gómez (min. 89).

Incidencias: partido da 3ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no estadio Romano José Fouto ante 2.929 espectadores.