RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un proxecto presentado polo RC Deportivo, entre os beneficiarios da recadación de 'Champions for Life'

O vindeiro xoves 29 de decembro o Estadio Benito Villamarín de Sevilla acollerá a terceira edición de 'Champions for Life'. Nesta ocasión, UNICEF destinará os fondos recadados a situacións de emerxencia, mentres que a Fundación de LaLiga destinaraos a proxectos de carácter social presentados polos seus Clubs/Fundacións, relacionados coas necesidades máis básicas da infancia, tanto en España como fóra das súas fronteiras.

A área social do Real Club Deportivo, dirixida por Gelines Romero, respondeu á solicitude da Fundación do Fútbol Profesional presentando un proxecto social ao que destinar parte da recadación. Entre os proxectos seleccionados que resultaron máis acordes coa finalidade humanitaria perseguida, referida a necesidades básicas da infancia e supervivencia infantil, atópase o presentado polo Dépor: o proxecto: "Sementes de Amanhã"

A entidade beneficiaria é a Fundación Loyola Galicia, e o colectivo ao que se dirixe 70 nenos orfos (de maneira directa) e 500 indirectamente a través dun programa de alimentación de aldeas en Ulongüe, distrito de Tsangano, Tete, Mozambique.

Trátase dun programa de acollida que atende a 70 nenos e nenas orfos na meseta rural de Angonia-Tsagano na fronteira de Mozambique con Malawi e que tamén beneficia a outros 500 co seu programa de alimentación en aldeas. O obxectivo principal do proxecto SEMENTES DE AMANHA é proporcionar un crecemento integral e saudable para os nenos en acollida e aliviar a carga que pesaba nalgúns avós sen as mínimas condicións para acoller aos seus netos orfos nas súas cabanas. O programa consiste nun conxunto de accións de acollida, coidado e manutención, desenvolvemento humano e educativo para que os nenos poidan estar cos seus avós que non dispoñen de condicións para mantelos.

Este é sen dúbida un motivo máis para colaborar con 'Champions for Life', comprando unha entrada ou enviando un SMS ao 38080 coa palabra UNICEF.

Ademais do proxecto presentado polo RC Deportivo, estes son as outras propostas seleccionadas pola Fundación do Fútbol Profesional coas que se distribuirán os fondos recadados en 'Champions for Life':

"CANASTILLAS DE BEBÉ" da Fundación Madrina / Presentado polo CD Numancia
Este proxecto englóbase dentro de "Os pisos de acollida" de Fundación Madrina en Madrid, onde conviven nais sen recursos cos seus bebés. A través deste proxecto, trátase de dotar aos recén nados do material necesario para o perfecto coidado, hixiene e desenvolvemento. A entrega de canastillas é unha primeira axuda para estes bebés sen recursos, e así poder facer fronte ás primeiras necesidades básicas e fundamentais que leva o nacemento dun neno.

"14 SOÑOS CUMPRIDOS" da Fundación Carlos Pauner / Presentado polo Real Zaragoza
O obxectivo deste proxecto desenvolvido en Kathmandú (Nepal) é sacar da rúa a nenos e nenas que se atopan en situación moi precaria, para ofrecerlles a oportunidade, a través do seu apadriñamento, de ter un futuro mellor e unha formación que faga posible a mellora da súa contorna social. O proxecto quere cubrir as necesidades básicas destes nenos (aloxamento, manutención, servizos médicos e coidados necesarios, escolarización e material escolar, etc.) desde os 4 ata os 16 anos, axudándolles posteriormente a acceder a unha formación superior e profesional.

"CAMPAÑAS DE TRATAMENTO E CIRURXÍAS PEDIÁTRICAS EN PAÍSES EN VÍAS DE DESENVOLVEMENTO" da Fundación Cirurxiáns en Acción / Presentado por Fundación Atlético de Madrid
A Fundación Cirurxiáns en Acción ten como obxectivo e fin a cooperación ao desenvolvemento mediante o fomento e realización de actividades sanitarias, especialmente no ámbito da cirurxía en xeral e en particular en patoloxías infantís. Realizan de 6-8 campañas anuais de 1-2 semanas de duración en hospitais ou centros de saúde de países en vías de desenvolvemento en África, América do Sur e Asia para operar 70/90 pacientes semanais con patoloxías de parede abdominal. A patoloxía herniaria en nenos é frecuente nos países nos que actúan por non haber cirurxiáns pediátricos. A maioría non son tratados, con consecuencias tráxicas para estes nenos, xa que son causa de numerosas mortes e discapacidades permanentes.

"BOLSAS COMEDOR PARA NENOS/AS EN SITUACIÓN DESFAVORECIDA" da Fundación Educación e Cooperación (EDUCO) / Presentado por AD Alcorcón
7.000 nenos e nenas, cuxas familias viven nunha situación socioeconómica precaria, son beneficiarios deste proxecto. O obxectivo do proxecto é garantir bolsas comedor a nenos e nenas de familias en risco de pobreza e exclusión social para que poidan acudir ao comedor da súa escola e comer xunto aos seus compañeiros unha comida completa e equilibrada cada día. Deste xeito poderán desenvolver as súas plenas capacidades e gozar dunha boa saúde. O programa Bolsas Comedor puido financiar desde 2013 máis de 1.800.000 comidas en escolas do noso país grazas á implicación de particulares e empresas comprometidos co benestar da infancia.

"AXUDA AO CENTRO DE KABANGA" da ONG AFRICABANGA / Presentado pola Fundación LaLiga
En Kabanga Center viven actualmente 260 persoas, especialmente vulnerables, deles só 15 son adultos, a gran maioría son bebes, nenos/as e novos, con diversas discapacidades. Son sordomudos, cegos, discapacitados psíquicos, persoas con malformacións, con poliomielitis ou queimados e tamén un elevado número de nenos/as e mozos con albinismo que necesitan protección. O obxectivo de levar a cabo unha acción neste centro, sería proporcionar aos residentes en Kabanga Center material de supervivencia básico, así como equipamento deportivo digno para facilitar o desenvolvemento das súas actividades deportivas, mellorar a súa autoestima e estimular as relacións con outros nenos e novos, axudando a suavizar as barreiras culturais que separan ás persoas albinas ou deficientes co resto da poboación.