RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un punto máis para seguir na pelexa (0-0)

O Deportivo sumou un novo punto na súa visita ao RB Linense despois de deixar a cero a súa portería por quinta xornada consecutiva e de gozar das poucas e mellores ocasións dun encontro tralo que segue a tiro de pedra do líder.

O técnico branquiazul, Óscar Cano, realizou dúas modificacións con respecto ao once inicial que presentou na pasada xornada na goleada por 5-0 ante o CD Badajoz en ABANCA-RIAZOR. Pepe Sánchez estreouse como titular no centro da defensa en detrimento de Lapeña e Diego Villares, após cumprir sanción por acumulación de cartóns, ocupou o lugar de Isi Gómez.

Após un arranque impetuoso da 'Balona', o Dépor fíxose co mando do partido. Antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora creara dúas claras ocasións para adiantarse no marcador. No minuto 8, unha falta colgada por Lucas desde a esquerda cabeceouna Quiles no segundo pau. De la Calzada meteu a man para desviar a saque de esquina, previo golpeo da pelota na parte superior do traveseiro. No minuto 12, Lucas recolleu un mal pase cara atrás dun defensor rival e, lixeiramente escorado cara á esquerda, disparou con dureza contra o corpo de De la Calzada.

O conxunto local aos poucos foi mellorando en base a poñer en aprietos ao Dépor coa súa presión adiantada. No minuto 16 chegou a súa primeira acción clara, cando Álex Guti pifiou o seu remate, completamente só no punto de penalti, nun córner lanzado por Omar desde a dereita do ataque local.

Os branquiazuis tiveron outra boa acción a balón parado no minuto 28. Unha falta afastada botada por Lucas perdeuse moi preto do pau esquerdo da portería andaluza.

A mellor ocasión andaluza chegou no minuto 37, cando Álex Guti desbordou polo extremo dereito e serviu ao punto de penalti, onde Omar rematou e Mackay rexeitou nunha gran intervención. O balón caeu a Antonio Romero que disparou moi alto.

A segunda parte deixou poucas ocasións en ambas as porterías e unha longa seca de oportunidades durante a súa primeira media hora. Non foi até o minuto 79 que se produciu un remate claro a portería e foi a mellor opción de gol de todo o encontro para calquera dos dous equipos. Quiles cabeceou ao traveseiro un perfecto centro de Lucas a perna cambiada desde a dereita do ataque coruñés. Pouco antes, o dianteiro onubense vira unha inxusta cartolina amarela que lle deixa fóra do próximo encontro, en ABANCA-RIAZOR ante o Real Madrid Castilla.

O Dépor tentou imprimir un cambio de ritmo nos que foron os seus mellores minutos. No 84, Pepe Sánchez cabeceou a mans do porteiro na segunda xogada dun córner. Acto seguido, Mackay atrapou a pelota nun disparo de Alhassan Koroma que buscaba o pau longo con moi malas intencións. Nos minutos finais, ambos os conxuntos pareceron dar por bo o empate, resultado co que concluíu o encontro.

Con esta igualada, o Dépor alcanza os 50 puntos após 26 xornadas, que o deixan a 3 do líder, o AD Alcorcón. Os branquiazuis suman a súa sétima xornada consecutiva sen perder, o seu quinto encontro consecutivo deixando a portería a cero e acumulan 24 dos últimos 33 puntos en xogo.

RB Linense: De la Calzada, Loren, Jesús Muñoz, Borja, Papa Camara (Delmonte, min. 90+1), Álex Guti, Masllorens, Antonio Romero, João Pedro (Yassin Fekir, min. 71), Omar e Alhassan Koroma (Gerard Oliva, min. 90+1).

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Pepe Sánchez, Pablo Martínez, Lebedenko, Rubén Díez, Olabe (Isi Gómez, min. 90+3), Diego Villares (Saverio, min. 67), Quiles (Arturo, min. 86), Lucas e Mario Soriano.

Árbitro: Lax Franco (c. murciano). Cartón amarelo a Pepe Sánchez (min. 57), Quiles (min. 64) e Rubén Díez (min. 90+4).

Incidencias: partido da 26ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio Municipal de La Línea de la Concepción ante uns 3.000 espectadores.