RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Unha vitoria que vale máis que tres puntos (2-0)

Despois de tres xornadas sen gañar, o Deportivo retomou o camiño do triunfo no momento máis indicado, a visita dun rival directo, o Albacete, que acabou abandonando o Estadio ABANCA-RIAZOR dominado de principio a fin, sen puntos e coa diferencia de goles particular perdida.

O adestrador branquiazul, Natxo González, realizou tres cambios con respecto ao once inicial que presentou a pasada semana na última xornada da primeira volta ante o Real Mallorca. David Simón regresou ao lateral dereito en lugar de Eneko Bóveda e Diego Caballo volveu ao esquerdo en detrimento de Saúl. Na medular, Edu Expósito estivo na posición que en Son Moix ocupou Michael Krohn-Dehli.

Comezou forte o Dépor, que gozou dunha dobre ocasión cando non transcorreran nin 90 segundos de xogo. Quique punteou un centro forzado de Edu Expósito, co que conseguiu que o balón lle chegase franco a Borja Valle no segundo pau. O remate do berciano sacouno Tomeu Nadal coa súa perna esquerda e o coiro saíu rebotado cara a Fede Cartabia, que non puido precisar a súa volea desde a esquina dereita da área pequena debido á presión de Mathias Olivera.

Pouco despois, Diego Caballo enviou ás nubes, coa dereita, un balón que lle serviu raso desde o extremo dereito. E no minuto 10, Fede Cartabia tentouno nun libre directo lonxano que se perdeu á esquerda da portería manchega. No minuto 13, o propio Cartabia lanzou un durísimo centro-chute que Borja Valle, no segundo pau tirándose ao chan, non acertou a remachar por milímetros.

Á terceira, o arxentino atopou o premio do gol, no día do seu 26º aniversario. O zurdo mediapunta non desaproveitou outro libre directo, este moito máis próximo, pegado á mesma liña da frontal da área. Cun suave toque superou a barreira por riba, facendo imposible o voo de Tomeu Nadal. O porteiro albaceteño debeu ser atendido durante varios minutos ao impactar co seu rostro no poste esquerdo da portería.

Após renovarse o xogo, antes de cumprirse a media hora, Quique non puido rematar un saque de esquina porque se lle anticipou Arroyo. Dous minutos máis tarde, o propio dianteiro valisoletano fíxose unha pequena lea cando tentaba rematar, xa dentro da área pequena, unha deixada de cabeza de Vicente Gómez.

O primeiro achegamento do Albacete non se produciu até o minuto 36. Foi nunha acción trenzada desde a dereita do ataque até o extremo esquerdo, onde Bela, en clara vantaxe sobre David Simón, enviou o balón moi por riba do portal de Dani Giménez.

Xa en tempo de prolongación, Álex Bergantiños estivo a piques de aumentar distancias á conclusión dunha xogada de laboratorio. Diego Caballo xogou raso cara á dereita para Vicente Gómez, que devolveu o centro cara á esquerda por alto. Arroyo fallou no salto e o coiro caeu en pés do capitán deportivista, que rematou coa súa bota esquerda por riba de Tomeu Nadal. Só o traveseiro impediu a celebración deportivista.

Coa vitoria pola mínima após 49 minutos de claro dominio deportivista -63 por cento de posesión e 11 disparos a gol, por 37 por cento e 1 disparo do Albacete-, Vicandi Garrido sinalou o camiño dos vestiarios.

Aos dous minutos da continuación trenzou o Dépor unha boa xogada, na que Edu Expósito deixou pasar un balón de Álex Bergantiños entre as súas pernas para Fede Cartabia, que lle deixou o balón de cara a portería ao centrocampista barcelonés. O disparo de Edu, que buscaba colocar o balón co interior do seu pé dereito no pau máis afastado, perdeuse á dereita do marco visitante.

No minuto 51 quen o probou de lonxe foi Diego Caballo. O tremendo mísil do carrileiro zurdo despexouno como puido Tomeu Nadal, ben colocado. O rexeite non caeu a pés de ningún dos moitos xogadores deportivistas que se apiñaban na área.

Poucos instantes máis tarde, a parroquia coruñesa pediu penalti por mans de Gentiletti nun disparo de Borja Valle após recoller un despexe curto de Tomeu Nadal nunha falta colgada por Fede Cartabia desde a dereita do ataque local. O colexiado non castigou a acción xa que o defensa manchego tiña os brazos pegados ao corpo.

No minuto 68 chegou o ansiado e merecido segundo tanto. Diego Caballo contemporizou no extremo esquerdo e buscou en profundidade o desmarque de Borja Valle que, lanzado en carreira, encarou a Arroyo, ao que desarborou cun suave toque cara á súa dereita para buscar ángulo de tiro. O dianteiro berciano sacouse da manga un durísimo dereitazo cruzado ante o que Tomeu Nadal nada puido facer. Foi a súa quinta diana no que vai de temporada e o punto final a un partido que pouco máis ofreceu pois o Albacete apenas deu sinais de reacción nos 20 minutos finais.

Con esta vitoria, coa que os branquiazuis fanse coa diferencia de goles particular (1-1 na primeira volta) ante un rival directo, o Dépor recupera o pulso de LaLiga 1|2|3. Despois de 2 derrotas e 1 empate nas 3 anteriores xornadas, os deportivistas alcanzan os 39 puntos, que os sitúan a só 3 do líder, o Málaga CF.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Vicente Gómez, Fede Cartabia (Carlos Fernández, min. 79), Borja Valle e Quique (Christian Santos, min. 65).

Albacete Balompié: Tomeu Nadal, Álvaro Tejero, Arroyo, Gentiletti, Mathias Olivera, Eugeni Valderrama, Malsa, Febas (Álvaro Pena, min. 72), Acuña (Susaeta, min. 65), Zozulia (Rey Manaj, min. 80) e Bela.

Goles: 1-0 Fede Cartabia (min. 19); 2-0 Borja Valle (min. 68).

Árbitro: Vicandi Garrido (c. vasco). Cartón amarelo a Gentiletti (min. 55) e Álvaro Tejero (min. 69).

Incidencias: partido correspondente á 22ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 16.525 espectadores.