RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Verticais no campo", cartel do Trofeo Teresa Herrera 2019

Reunido o luns 22 de xullo ás 09:30 h. na sede do Real Club Deportivo (praza de Pontevedra, 19 1º) o xurado do Concurso do Cartel Teresa Herrera 2019, formado por Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, Jose Villanueva, director de patrocinios deportivos de Estrella Galicia, Antón Lezcano, deseñador e autor do cartel do Teresa Herrera 2017, Lois Novo, membro do equipo de comunicación e historiador do Real Club Deportivo e, actuando como secretario, Gabriel Barrós, director de comunicación do Club, a obra seleccionada como gañadora, entre as 50 recibidas, é a titulada "Verticais no campo".

35 autores e 50 deseños (algún deles con varias adaptacións de estilo) participaron nesta edición, multiplicando case por tres a do primeiro concurso público realizado o pasado ano.

Jorge Albert Lenze, neto de coruñesa e seguidor do Dépor, é o autor da obra gañadora. Jorge é o fundador de Debuti, como el mesmo define "un estudo de deseño gráfico novo pero con soleira, fincado en Madrid e co corazón branquiazul". En canto á motivación da obra, así a explica após coñecer o veredicto do xurado: "en tempos onde as ganas tiraron máis forte que as pernas nos reunimos para celebrar a nosa festa, o Trofeo Teresa Herrera, lembrando que se este ano pintamos con franxas horizontais ao Depor será porque teremos que ser máis verticais no campo".

O premio ao cartel elixido, ademais de pasar á historia dun dos grandes símbolos da cidade, como é a historia do Trofeo Teresa Herrera, serán 2 abonos de bancada do Real Club Deportivo para a Temporada 2019-2020 e a participación en todos os actos protocolarios do Trofeo Teresa Herrera 2019 (recepción municipal con entrega dos carteis ao Concello e os equipos participantes, asistencia ao Palco de Honra e entrega do Trofeo).

O Real Club Deportivo quere felicitar ao gañador e agradecer sinceramente a todos os participantes o seu traballo e iniciativa para participar neste concurso.