RCD / NOVAS

Víctor Mollejo foi hoxe titular con España sub-19 no amigable ante Italia

15/01/2020 20:25

- Foto: sefutbol.com -

O deportivista Víctor Mollejo disputou hoxe mércores un amigable coa selección española sub-19 ante Italia na Ciudad del Fútbol de Las Rozas (Madrid).

O atacante deportivista foi titular nun choque que acabou en táboas: 1-1. Foi relevado ao descanso por Sergio Camello, do mesmo xeito que boa parte dos xogadores que como el iniciaron o encontro.

Este partido serviu ao seleccionador nacional, Santi Denia, para preparar a Rolda Elite do próximo mes de marzo, clasificatoria para o Campionato de Europa de xullo, e na que España terá como rivais a Macedonia do Norte, Bulgaria e Bélxica.

A convocatoria de Mollejo non afecta os plans de Fernando Vázquez, posto que o atacante branquiazul está sancionado en liga por acumulación de amoestacións, ao recibir o quinto cartón amarelo en Soria o pasado 5 de xaneiro, e non poderá xogar fronte ao Real Racing Club en ABANCA-RIAZOR mañá xoves 16 de xaneiro (19:00 horas, Movistar LaLiga) na seguinte cita en LaLiga SmartBank.

Máis novas de: MOLLEJO