RCD / NOVAS

Xa somos 27.000!

10/10/2017 20:25

O RC Deportivo superou este martes 10 de outubro a barreira dos 27.000 abonados, con 27.005.

Facía moitos anos que o RC Deportivo non alcanzaba unha cifra tan grande de socios, sendo a primeira vez que se logra baixo o mandato do actual Consello de Administración.

Desde a chegada da directiva presidida por Tino Fernández, mediada a Temporada 2013-2014, o incremento foi moi notable, roldando o 30 por cento. O RC Deportivo pechou aquel curso, no que ascendeu a Primeira División tras gañar ao Real Jaén na penúltima xornada, con algo menos de 21.000 abonados: 20.884.

As seguintes campañas, todas en Primeira División, o número foi crecendo de maneira paulatina. O exercicio 2014-2015 pechouse con 24.245 socios, para aumentar no 2015-2016 ata os 26.149 abonados e dar outro paso máis no 2016-2017, cos 26.510 socios cos que finalizou o curso.

O RC Deportivo quere celebrar coa súa gran masa social tal efeméride sorteando entre todos os seus socios unha experiencia dobre na nova zona vip de Tribuna 'Área 1906'. Os gañadores coñeceranse mediante un sorteo realizado a través do mesmo sistema co que se celebra o habitual sorteo da camiseta do mellor xogador que elixen os usuarios de rcdeportivo.es ao finalizar cada partido no Estadio ABANCA-RIAZOR e no que entran os socios que acoden a cada encontro en casa.