RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Albentosa: "O Deportivo debe afrontar cada semana coma se fose unha final"

Raúl Albentosa manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o Deportivo "cada semana debe afrontala coma se fose unha final. Pero aínda que gañemos agora 3 partidos seguidos. Tres partidos son 9 puntos. Non fixeches os 36 ou 40 que teñas que facer. Cada partido é unha final e un mundo diferente", conclúe.

O defensor deportivista cre que neste momento da temporada "teño máis ganas e máis moral que ao principio de liga. Ou vas con máis moral e máis ganas agora ou afúndeste e vaste para abaixo. Ou imos á fronte e imos adiante ou quedas no camiño. Que quede outro".

Nesta liña, advirte que "como non gañamos desde decembro, fai falta unha vitoria xa para que o equipo dea un pasito máis como en decembro. En decembro tiveches a vitoria da Real e logo xogaches ben durante todos os partidos ata o final, o día do Betis, Osasuna, o día do Real Madrid alí. É o que nos falta para compañeiros moi moi novos que necesitan ese empuxe. Iso vainos a beneficiar".

Segue dicindo que o equipo "debe de ser un pouco máis rabudo, no sentido de perdas de tempo, saber ler se che están apertando, se che están chegando moito parar un pouco o partido. Iso hai equipos que o saben facer moi ben e nós nesa faceta fáltanos bastante, tirando a moito".

Iso si, subliña que ao Dépor non lle falta xogo: "Cos xogadores que temos arriba témolo. Se cadra fáltannos outras calidades. O outro día o Athletic, un equipo que en casa é forte e ten máis o balón que os equipos contrarios, nós ata o primeiro gol, Çolak, Carles Gil, Kakuta teñen bastante controlado as tres cuartas partes do campo".

Cualifica o encontro do sábado 18 de febreiro en Riazor ante o Alavés (18:30, Bein Sports) como "moi importante porque aínda non gañamos ningún partido en 2017. É contra un rival que, aínda que está a facer as cousas moi ben e leva moitos máis puntos que nós, podía ser ao principio da nosa liga".

A nivel persoal, opina sobre a súa suplencia en varios partidos durante o mes de xaneiro despois de ser titular durante boa parte da primeira volta, que "para a xente que pensaba que eu aquí xogaba porque tiña contrato co míster, como que tiña que xogar por decreto... Aquí ninguén casa con ninguén. Aquí xoga o que el decide e o que el cre oportuno para cada partido. Había moita xente que pensaba que estaba a xogar porque era amigo do adestrador. Iso non é así".