RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A DéporTienda aumenta a súa presenza en Galicia a través das oficinas de Correos

O Real Club Deportivo e Correos asinaron un acordo para que a entidade postal poña á venda artigos do Club en varias das súas Oficinas Postais de Galicia. O Edificio Principal de Correos na cidade da Coruña, situado na Mariña, acolleu o acto de presentación destes novos puntos de venda das DéporTiendas. Á súa inauguración asistiron o presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández e o director de Zona de Correos, Anxo Pérez, xunto a outros responsables da empresa postal e do Club.

As novas DéporTiendas están xa a disposición do público nas Oficinas Postais da Coruña (Oficina Principal: Alcalde Manuel Casas, s/n), Viveiro (Avenida Ramón Canosa, 4), Lugo (Oficina Principal: San Pedro, 5), Santiago de Compostela (Oficina Principal: Franco, 4), Vilagarcía de Arousa (Alcalde Rei Daviña, 3-5) e Pontevedra (Oficina Principal: Oliva 19-21).

Na presentación das DéporTiendas, o director de Zona de Correos, Anxo Pérez, destacou que con este acordo “Correos continúa a súa liña de innovación e diversificación, ampliando a súa oferta de servizos aos miles de cidadáns que a diario pasan polas nosas oficinas para realizar as súas xestións”. Pola súa banda, o presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, sinalou que “se trata dunha oportunidade para a afección deportivista contar coa gran presenza territorial de Correos para ter á súa disposición e preto dos seus domicilios os artigos do Club”.

Entre os múltiples artigos á venda nas Oficinas de Correos atópanse as camisetas oficiais e balóns de Macron. As persoas interesadas en adquirilas poden solicitalas a través do persoal de Oficina, que lle facilitarán a talla e o modelo desexado. Ademais, os propios espazos das Oficinas acollen expositores personalizados coa imaxe do Club, que mostra diferentes modelos de gorros, bufandas e bandeiríns, tazas, calendarios e diverso material de papelería, insignias, lentes de sol ou distintos aparellos electrónicos. Todos estes produtos son os oficiais do Real Club Deportivo.

As oficinas de Correos que ofrecen nestes momentos espazo de DéporTienda abren de luns a venres, de 08:30 a 20:30 horas e os sábados, de 09:30 a 13:00 horas. A Oficina de Correos de Viveiro abre de luns a venres, de 08:30 a 14:30 e o sábados, de 09:30 a 13:00 horas.