O RC Deportivo está de parabén porque a Fundación LaLiga elixiu Abegondo para ser unha das sedes de LALIGA GENUINE 2023-24, tal e como sucedera na campaña 2018-19.
Os criterios para esta elección están baseados en "a idoneidade das instalacións deportivas", en referencia á Cidade Deportiva de Abegondo; así como o "compromiso e a implicación" da Fundación RC Deportivo no proxecto.
LALIGA GENUINE é unha competición de fútbol desenvolvida por LALIGA, a través da súa Fundación, e pioneira en promover a integración de persoas con discapacidade intelectual na sociedade a través do fútbol.
Ademais do Dépor Genuine, intégrana outros 45 equipos procedentes de toda a xeografía española, cun total 1.200 xogadores e xogadoras; e asentada como un referente no deporte inclusivo e unha celebración da diversidade.
Do mesmo xeito que en temporadas anteriores, disputaranse 4 fases de competición divididas en 6 sedes.
A primeira das 6 paradas será Tarragona, co Nàstic de Tarragona como club anfitrión, quen recibirá a todos os equipos Genuine os días 17, 18 e 19 de novembro no Complex Esportiu Futbol Salou.
A segunda fase, dividida en dúas sedes, trasladará á comunidade Genuine ás cidades de Cádiz e A Coruña. Os días 2, 3 e 4 de febreiro de 2024 os equipos viaxarán á Cidade Deportiva Baía de Cádiz, co Cádiz CF como club anfitrión.
A terceira sede emprazarase aos días 15, 16 e 17 de marzo, co RC Deportivo como club que acolla ao resto na Cidade Deportiva de Abegondo.
Tamén dividida en dúas sedes, a terceira fase distribuirase entre as cidades de Tenerife e Burgos. Primeiro, a metade dos equipos de LALIGA GENUINE viaxarán até a Cidade Deportiva Javier Pérez os días 12, 13 e 14 de abril, onde o CD Tenerife estrearase como anfitrión na cuarta sede da competición. Un mes despois. os días 10, 11 e 12 de maio, o Burgos CF acollerá aos restantes, albergando a penúltima parada da competición na Cidade Deportiva Burgos Promesas 2000.
Para finalizar, os días 7, 8 e 9 de xuño terá lugar a máis que esperada gran final da competición que reunirá aos 46 equipos que a compoñen. O Getafe CF será o encargado de recibir a toda a gran familia Genuine na súa Cidade Deportiva Getafe CF, onde se disputarán os últimos e máis emocionantes encontros da edición.
LALIGA GENUINE é un proxecto que fomenta a igualdade, a tolerancia e o respecto mediante a forza do fútbol, pero tamén mediante programas de inclusión sociolaboral e de apoio á formación dos seus integrantes.