RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

A Fundación RC Deportivo presenta o vindeiro martes o seu estudo 'O Dépor Genuine e o seu impacto na sociedade'

A Fundación RC Deportivo presentará o vindeiro martes 27 de febreiro no Hotel Attica21 Coruña o seu estudo 'O Dépor Genuine e o seu impacto na sociedade', nun acto que presidirán o máximo responsable do RC Deportivo e da Fundación RC Deportivo, Álvaro García Diéguez, e o seu homólogo da Fundación LaLiga, Clemente Villaverde.

O salón Rías Altas do Hotel Attica21 Coruña, na rúa Enrique Mariñas Romero 34 do barrio de Matogrande, acollerá o acto, ao que unicamente se poderá acceder por invitación, a partir das 11:00 horas do próximo martes.

Ambos os presidentes darán a benvida aos invitados, antes de proceder á presentación do traballo, por parte do secretario xeral da Fundación RC Deportivo, Diego García, e de Carlos García e Lucía Otero, membros do corpo técnico do Dépor Genuine. O traballo consiste nunha profunda análise individual e grupal sobre o impacto positivo e as melloras nas condicións de vida que supón para os xogadores e xogadoras do Dépor Genuine formar parte dun equipo de fútbol.

A continuación, Diego García moderará unha mesa redonda na que intervirán Alejandro Espiñeira, membro do corpo técnico do Dépor Genuine; Araceli Blanco, directora de Aspanaes Ferrol e familiar dun xogador do Dépor Genuine; Óscar Vales, do patrocinador do Dépor Genuine Vales & Asociados; Gabriel Cives, xogador do Dépor Genuine; Alejandro Vidal, responsable de Área Social do RC Deportivo, e o mencionado presidente da Fundación LaLiga.