RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

Outros 600 nenos e nenas gozan dos DéporCampus Cabreiroá en Abegondo, Silleda, Boiro, Bertamiráns, Cuntis e Vilalba

O DéporCampus Cabreiroá 2025, a principal actividade social que chega da man da Fundación RC Deportivo, arrinca a súa cuarta semana.

E do mesmo xeito que a semana pasada, uns 600 nenos e nenas serán os protagonistas repartidos na cuarta quenda de Abegondo; ademais de nas sedes de Silleda, Boiro, Bertamiráns, Cuntis e Vilalba, que se estrea este ano 2025.

A novidade este ano 2025 consiste en que futbolistas do primeiro equipo deportivista xunto a canteiráns e canteirás son os encargados cada semana de repartir os diplomas, asinar autógrafos e fotografarse cos alumnos e alumnas.

Así foi o caso de Rubén Fernández, o goleador do Xuvenil A que visitou este luns 14 de xullo o DéporCampus Cabreiroá en Cuntis.

Os DéporCampus Cabreiroá empregan o método Dépor, impartido por adestradores do Club; e baseado no respecto polo rival, o xogo limpo e o esforzo.

Entre os obxectivos están aprender e desenvolver a coordinación a través de xogos coordinativos; aprender as habilidades e conceptos na relación co corpo; aprender as habilidades e conceptos na relación co balón; traballar os fundamentos técnico-tácticos cunha metodoloxía analítica; competir e gozar mediante partidos en diferentes espazos; e finalmente transmitir os valores que representa o Dépor: RESPECTO, SOLIDARIEDADE, AMIZADE, XOGO LIMPO, INTEGRACIÓN, ESFORZO E FELICIDADE.

Toda a información sobre cada sede, quenda, horarios e demais preguntas frecuentes atópase en deporcampus.rcdeportivo.es, onde se pode realizar todo o proceso de inscrición e contacto.

Abertas as inscricións en Cedeira, Sada e Zas

Coa sede de Abegondo esgotada, están abertas as incripciones para os DéporCampus Cabreiroá de Cedeira, Sada e Zas.

Precisamente en Sada, que acolle tamén a Escola RC Deportivo, o prazo conclúe este martes 15 de xullo ás 14:00 horas.

No entanto, os interesados en quendas que estean esgotadas poden anotarse nunha lista de espera. Para iso deben mandar un correo a deporcampus@rcdeportivo.es cos seguintes datos: Nome e apelidos do participante, teléfono, correo electrónico e quenda/s semanal/ais nas que está interesado.