A RC Deportivo Fundación coñece a estrutura e metodoloxía de traballo do club bosníaco Fudbalski Klub Željezničar
A RC Deportivo Fundación continúa a súa axenda internacional en Bosnia e Herzegovina no marco do programa Erasmus+, fortalecendo vínculos con entidades deportivas de referencia no país.
Durante esta xornada en Saraievo, a expedición do club visitou ao Fudbalski Klub Željezničar, equipo que compite na máxima categoría do fútbol bosníaco, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a súa estrutura e metodoloxía de traballo.
Ao longo da visita, mantívose un encontro cos responsables do club, no que se compartiron experiencias e coñecementos no ámbito da xestión e formación deportiva.
Así mesmo, a delegación deportivista, integrada por Álex Espiñeira, coordinador de proxectos internacionais, e Laura Mella, adestradora da RC Deportivo Fundación, puido gozar dun partido do equipo, completando unha xornada de inmersión no contexto futbolístico local.
Este tipo de iniciativas reforzan as relacións institucionais internacionais e favorecen o intercambio de boas prácticas dentro do ecosistema deportivo.