RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
Xuvenil-A

A ruleta dos penaltis apeou ao Xuvenil A da Copa del Rey en Mallorca

O Xuvenil A caeu co Real Mallorca na quenda de penaltis dos cuartos de final da Copa del Rey, eliminatoria a partido único disputado hoxe en Son Bibiloni, Ciutat Esportiva Antonio Asensio.

Ao final do tempo regulamentario e da prórroga levou con empate a un gol. Logo, na ruleta dos penaltis, estiveron máis acertados os mallorquinos (6-5).

Causaron baixa no conxunto de Manuel Pablo os lesionados Hugo Villaverde, Pablo Parada, Carletto e Pablo García. 

O cadro branquiazul si puido contar con dous futbolistas en dinámica do Fabril: Kevin, autor de 2 goles ante o CD Covadonga a pasada fin de semana co filial, e Mardones.

Pola súa banda, os mallorquinistas superaron en dezaseisavos ao Arucas CF-98 (5-1) e en oitavos ao Villarreal CF (1-2).

En liga, o equipo balear, co seu triunfo do pasado sábado (2-0) ante o Girona FC, é 2º na táboa do grupo 3º con 44 puntos, os mesmos que o RCD Espanyol, que marcha líder.

En Son Bibiloni esta temporada gañou na División de Honra 7 partidos, empatou 1 e perdeu 2, con 15 goles a favor e tan só 6 en contra.

A eliminatoria púxose de cara para os locais no tramo inicial, posto que o Mallorca adiantouse no marcador aos 22 minutos grazas a unha acción de mala fortuna. Amin tenta cortar un pase ao corazón da área deportivista pero o seu despexe introdúcese en perfecta vaselina na portería de Román.

Non veu abaixo o Dépor, que se lanzou rápido a por o empate. Álvaro logra igualar no minuto 26. O lateral destro deportivista recolle no segundo pau un centro ao segundo pau desde a esquerda, penétrase na área e xuta á rede, inalcanzable para o porteiro local.

Co empate igualáronse as forzas e xa ningún equipo estivo atinado para lograr un segundo gol nun choque de poder a poder.

Na lotaría dos penaltis, o premio foi para o Mallorca, que disputará así a final a catro en marzo.

Xuvenil A: Román, Álvaro, Hugo Torres, Vilela, Amin, Carreira, Mardones, Noé, Kevin, Manu Ferreiro e Álex Delgado. Tamén xogaron: Guerrero, Dani Estévez, Domínguez, Zoe, Samuel Fernández e Ayman.

Os resultados en Copa del Rey do Xuvenil A foron os seguintes:

Dezaseisavos de final
Athletic Club 0 - Xuvenil A 1 (Dani Estévez)

Oitavos de final
Xuvenil A 3 (Álex Delgado, Kevin e Guerrero) - UD Las Palmas 1

Cuartos de final
RCD Mallorca 1 - Xuvenil A 1 (Álvaro). A penaltis: 6-5