O Dépor caeu por 2-6 co Real Betis este xoves 29 de maio no Toralín na semifinal da Copa de Campións xuvenil.
Pechan así os pupilos de Miguel Figueira unha gran temporada, situando a ANOSACANTEIRA entre as 4 mellores de España.
Os branquiazuis chegaron a esta Final Four de Ponferrada como campións do grupo 1º e após eliminar ao CD Tenerife en cuartos de final: 0-6 en Canarias e 2-1 en ABANCA-RIAZOR.
Pola súa banda, o Real Betis foi o campéon do grupo 4º con 85 puntos por 76 do Sevilla FC, 2º clasificado.
Nos cuartos de final, os béticos enfrontáronse á UD Las Palmas. Os verdibrancos gañaron en Gran Canaria por 1-3 e empataron en Sevilla (2-2).
O partido arrincou de maneira soñada. Aos 18 segundos, Álvaro Fraga é claramente derrubado na área por Oreiro. O colexiado non dubida e sinala penalti.
O goleador Rubén lanza, para en primeira instancia Manu González pero o rexeite cae de novo a Rubén, que logra o primeiro.
Un minuto despois, noutra rápida transición, José Rey recibe ao segundo pau e marca o segundo de tiro cruzado.
"Empezamos o partido moi ben. Saímos ao campo moi enchufados, coas ideas moi claras con balón. Tivemos un acerto moi grande nas primeiras xogadas para pornos por diante", apuntou o técnico deportivista na zona mixta do Toralín.
A semifinal parecía decantada con estas dúas poutadas branquiazuis nun dicir amén.
Respondeu o Betis, que puido contar con dous futbolistas (Manu González e Pablo García) que estiveron onte co primeiro equipo na final da Conference League, acurtando distancias. Corralejo recolle na frontal da área un rexeite de Álex Marqués para tapar un man a man con Rodrigo e marca a porta baleira.
"Ese gol deles fixo que eles non dubidasen nin se puxesen nerviosos", opina Miguel Figueira.
De novo Corralejo foi protagonista ao empatar o encontro esta vez nunha acción individual. Avanza cara a dentro partindo desde a banda dereita e após facer a parede cun compañeiro na frontal plántase só ante Álex Marqués e iguala o marcador.
Despois deste frenético comezo, os dous equipos tomáronse un respiro.
No entanto, aos 17 minutos, Sosu obriga a intervir de novo a Álex Marqués, antesala do terceiro tanto verdibranco, obra de Pablo García aos 18 minutos. O bético bate desde a interior da área nunha xogada de ataque que el mesmo arrincou por banda dereita.
Pasada a media hora, Álvaro Fraga recibe un saque de esquina, márchase do seu par e o seu disparo vaise demasiado alto.
O Betis golpea de novo con Sosu, que no segundo pau remata á rede un balón pasado ao que Álex Marqués non pode responder.
Aos 42 minutos, Rubén, nunha acción persoal, plántase ante Manu González, que repele co pé o remate claro do goleador deportivista. Foi a última opción de engancharse ao encontro.
No tempo engadido da primeira metade, Migue, desde fóra da área, dispara moi duro. Álex Marqués responde ben desviando o balón.
Con este espectacular 2-4 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Sosu tivo a primeira da segunda metade. O atacante do Betis cóase na área pero o seu disparo raso sácao ben colocado Álex Marqués.
Miguel Figueira empeza a mover o banco buscando manter un alto ritmo de xogo. Dipanda e Dani Estévez saltan ao campo por Nico e Álvaro.
Pero Corralejo, o xogador do partido, logra o hat trick. Vaise de David en mediocampo e na frontal mete o balón ao recanto dereito de Álex Marqués. Imparable.
Este gol fixo dano ao Xuvenil A, que perdeu de vista ao porteiro rival Manu González.
Ademais, o árbitro sinalou penalti por derriba de Álex Marqués a Rodrigo na área. Adrián converte o 6º do seu equipo.
Con este resultado concluíu o encontro e unha gran temporada do Dépor.
"Foron mellores. En moitas zonas do campo superáronnos e fixéronnos gol con moita facilidade. Non contaba con esta diferenza. Só podo estar orgulloso dos meus rapaces. Chegamos até aquí con eles, con esta forma de xogar", concluíu Miguel Figueira.
Xuvenil A: Álex Marqués, Mario Hermo, Samuel Fernández, David (Vergara, min. 63), Hugo Torres, Nico Ruiz (Dipanda, min. 51), Lucas (Dani, min. 69), Álvaro Fraga (Dani Estévez, min. 51), José Rey, Héctor e Rubén Fernández (Pablo Parada, min. 69)
Real Betis: Manu González, Masqué, Oreiro (Cuevas, min. 85), Fabián, De Roa (Adrián, min. 69), Migue, Rica, Corralejo (Arenas, min. 69), Pablo García, Sosu (Morante, min. 78) e Rodrigo (Jorge Luis, min. 85)
Árbitro: Guillermo García Presa, do comité castelán-leonés. Amoestou a De Roa (min. 50) e Hugo Torres (min. 79)
Goles: 1-0 Rubén Fernández (min. 1); 2-0 José Rey (min. 2); 2-1 Corralejo (min. 4); 2-2 Corralejo (min. 10); 2-3 Pablo García (min. 18); 2-4 Sosu (min. 38); 2-5 Corralejo (min. 51); 2-6 Adrián, de penalti (min. 80)
Incidencias: partido correspondente á segunda semifinal da Copa de Campións que se disputou no Toralín nunha tarde dunha calor asfixiante.