RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
Xuvenil-A

CD Tenerife e un Dépor "con toda a ilusión do mundo" xóganse este mércores 11 no Heliodoro Rodríguez López un posto na 'Final Four' da Copa del Rey

O Estadio Heliodoro Rodríguez López é o escenario elixido polo CD Tenerife para albergar o partido dos cuartos de final da Copa del Rey xuvenil ante o Deportivo.

A eliminatoria, a partido único, xogarase este mércores 11 de febreiro ás 18:00 (hora local, 19:00 en Galicia) e será retransmitido na canle oficial do conxunto tinerfeño en YouTube.

O vencedor clasificarase para as semifinais, que se xogan co formato de Final Four.

Miguel Figueira, técnico deportivista, manifestou este martes na sala de prensa do Dépor Training Center antes de partir de viaxe a Santa Cruz de Tenerife que a Copa "é un plus de motivación que nos permite aos corpos técnicos motivando aos mozos non só cun obxectivo a medio ou longo prazo, tamén a curto prazo".

Ve ao seu equipo "en boa dinámica. O equipo está confiado nas súas posibilidades. Estas últimas semanas, con tantos partidos, permite usar a todos os xogadores".

Asegura que o Dépor encara esta eliminatoria "con moito respecto ao CD Tenerife, sabendo o estadio ao que imos; e con toda a ilusión do mundo de poder facer as cousas como nos merecemos e sabemos".

Os branquiazuis apearon en dezaseisavos de final ao Sporting Hortaleza (2-1) e en cuartos ao Rayo Vallecano (4-1), ambos os partidos no campo Arsenio Iglesias.

Na convocatoria está Mauro Valeiro, citado pola selección española sub-17 para un torneo internacional que se xogará no Algarve (Portugal) este mes de febreiro.

"É un premio moi merecido. Mauro representa o traxecto deste equipo. En pretemporada puxémoslle tarefas porque criamos que tiña que esforzarse, mellorar. E á progresión que leva é espectacular. É un dos referentes do equipo. Por sorte para el, que o equipo chegue a estas eliminatorias dálle máis visibilidade ao seu traballo. El sabe que sen o colectivo non chegarían estas convocatorias. É unha gozada ter un representante na sub-17 como Samu arriba e Raúl Lema que vén por detrás. É un premio para todos no Dépor Training Center", apuntou o adestrador do Xuvenil A.

Pola súa banda, o CD Tenerife, que marcha actualmente en 2ª posición do grupo 6º a 1 punto da UD Las Palmas, superou en dezaseisavos ao Sporting de Gijón (3-2) e en oitavos de final ao CD Leganés en Butarque nunha longa quenda de penaltis após empate (1-1) ao final do tempo regulamentario e da prórroga.

Finalmente Miguel Figueira opina do rival, respecto ao da temporada pasada na que tamén foi rival nos cuartos de final pero da Copa de Campións, que é "un CD Tenerife máis canario. Propón moito con balón, con xogadores dun nivel moi alto. Espero unha eliminatoria igualada. O resultado do ano pasado (0-6) non serve como referencia. Chegamos nun gran momento pero eles o ano pasado non estaban no seu mellor momento. Tiveron algún contratempo de lesións e víronse mermados. Este ano son un equipo potente".