O Xuvenil A caeu (3-2) co FC Barcelona este xoves 12 de marzo no Estadio Anxo Carro de Lugo na semifinal da Copa del Rey.
Miguel Figueira manifestou na rolda de prensa pospartido que o equipo "fixo todo o que tiña que facer para gañar o partido".
O Xuvenil A, que manda no grupo 1º de liga con 56 puntos, eliminou anteriormente ao AD Sporting Hortaleza (3-1), Rayo Vallecano (4-1) e CD Tenerife (0-1).
Pola súa banda, o FC Barcelona chegou a Lugo despois de eliminar á UD Logroñés (3-2), Valencia CF (1-1 e 3-4 nos penaltis) e UD Las Palmas (1-0).
Os azulgrana lideran o grupo 3º da División de Honra con 55 puntos por 53 do 2º clasificado, o RCD Espanyol.
Foi baixa Mauro Valeiro, concentrado coa selección española sub-17 para xogar a Rolda 2 de clasificación para o Campionato de Europa.
Por contra, Miguel Figueira puido contar con Samu Fernández e Pablo García, dous futbolistas en dinámica do Fabril.
O primeiro disparo deportivista chegou aos 9 minutos. Nunha rápida transición do Dépor, Lucas Castro chegou á frontal da área pero o seu disparo foise alto.
Sen apenas ocasións chegouse á media hora, na que Álvaro Fraga se fixo cun balón solto na área azulgrana pero o seu disparo foise desviado.
O Barça apenas fixo intervir á meta deportivista Rodrigo.
Os culés perderon por lesión a Pedro Rodríguez, relevado por Quim Junyent.
No seu primeiro disparo entre os 3 paus adiantouse o FC Barcelona. Álex González aproveitouse dun mal despexe deportivista e bateu a Rodrigo, que quedou a media saída.
Apertou o Xuvenil A en busca do empate. Lucas Castro probou fortuna no desconto. O balón saíu rozando o traveseiro da portería do FC Barcelona.
De novo sobre o asubío final, Lucas Castro recibiu un pase longo de Rodrigo ás costas da defensa azulgrana e o seu chute foi lixeiramente desviado.
Con 1-0 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Lucas Castro tivo nas súas botas o igualada pero no man a man ante o porteiro Íker Rodríguez fóiselle o balón longo no último control.
O Dépor fíxose co mando do partido.
Miguel Figueira refresca ao equipo coa entrada de David Fernández, Leandro e Nico Ruiz por Abel Regueira, Lucas Regueiro e Balbas.
Con xustiza Pablo García subiu as táboas no marcador nunha xogada persoal no minuto 59. O coruñés meteuse na área, regateou ao seu par e bateu por baixo a Íker Rodríguez.
Con todo, o Barcelona encaixou ben o golpe e Fofana adiantou de novo ao seu equipo ao aproveitar no segundo pau a pracer unha gran xogada por banda dereita de Guillem.
E cando parecía que máis controlado o partido tiña o equipo azulgrana chegou a xenialidade de Xabi Campos. Este futbolista coruñés, que xa sabe o que é adestrarse co primeiro equipo, roubou un balón no medio campo, progresou até a frontal e puxo o balón lonxe do alcance da meta Íker Rodríguez. Corría o minuto 82.
No desconto, Kluivert estrelou o balón no poste dereito da portería de Rodrigo.
Con 2-2 acabou o encontro. Tocaba prórroga.
A primeira parte do tempo extra arrincou con ritmo lento, cos dous equipos sen arriscar.
Eses 15 minutos primeiros transcorreron sen ocasións de gol.
A segunda metade comezou unha oportunidade para Lucas Castro, que non precisou o seu remate.
Adiantouse o Barcelona no minuto 111 nun remate de Fofana que non logrou sacar Rodrigo.
Por terceira vez no partido tocaba remar para polo menos igualar o encontro pero esa vez fallaron as forzas, a pesar de que o equipo chegou por momentos a encerrar ao FC Barcelona no seu campo.
"O esforzo foi brutal", manifestou o adestrador do Xuvenil A. "Para xogar o que xogamos hoxe, apertar ao Barça en todo o campo, replegar, correr hai que ter moi boas pernas, estar moi ben preparados", engadiu.
FC Barcelona: Íker Rodriguez, Guillem, Campos, Kourouma (Nicolás Marcipar, min. 90), Pol (Lorenzo Oertlli, min. 90), Villar, Kluivert, Orian, Abdelkarim (Adrián Guerrero, min. 60), Pedro Rodríguez (Quim Junyent, min. 35) e Álex González (Fofana, min. 60)
Xuvenil A: Rodrigo, Vergara, Xabi Campos (Jorge Vega, min. 91), Samu Fernández, Abel Regueira (David Fernández, min. 55), Balbas (Nico Ruiz, min. 55), Lucas Castro, Íker Gil (Miguel de Labra, min. 77), Álvaro Fraga, Lucas Regueiro (Leandro, min. 55) e Pablo García (Íker Fernández, min. 75)
Árbitro: Álvaro Sahelices Puga, do comité asturiano. Amoestou a Villar (min. 77), David Fernández (min. 105) e Vergara (min. 120)
Goles: 1-0 Álex González (min. 40); 1-1 Pablo García (min. 59); 2-1 Fofana (min. 67); 2-2 Xabi Campos (min. 82); 3-2 Fofana (min. 111)
Incidencias: partido disputado no Anxo Carro de Lugo cunha gran entrada de afeccionados, moitos deles branquiazuis
