O Xuvenil A encara a semifinal de Copa del Rey xuvenil ante o FC Barcelona este xoves 12 de marzo ás 18:30 no Estadio Anxo Carro de Lugo.
O encontro será retransmitido en directo polas canles oficiais da RFEF e pola TVG.
Antes, este mércores 11 disputarase a outra semifinal que enfronta ao Real Betis e ao RC Celta.
Os gañadores dos dous partidos enfrontaranse na final do domingo 15 ás 11:45 no mesmo escenario.
O FC Barcelona, rival dos branquiazuis, eliminou nesta edición de Copa á UD Logroñés (3-2), ao Valencia CF (1-1 e 3-4 nos penaltis) e á UD Las Palmas (1-0).
Os azulgrana lideran o grupo 3º da División de Honra con 55 puntos por 53 do 2º clasificado, o RCD Espanyol.
Pola súa banda, o Xuvenil A, que manda no grupo 1º de liga con 56 puntos, presenta estes resultados nesta edición da Copa del Rey:
Dezaseisavos de final
Xuvenil A 3 (Íker Gil, Lucas Castro e Miguel de Labra) - AD Sporting Hortaleza 1
Oitavos de final
Xuvenil A 4 (Íker Gil -2-, Lucas Castro e Guille) - Rayo Vallecano 1
Cuartos de final
CD Tenerife 0 - Xuvenil A 1 (Lucas Regueiro, min. 69)
As entradas venderanse unicamente online a través de tickets.rfef.es cun máximo de 6 localidades por cada compra ao prezo de 5 euros.
Miguel Figueira dirixirá este mércores 11 de marzo ás 10:00 un último adestramento no Dépor Training Center antes de viaxar a Lugo, onde o equipo quedará concentrado até o partido.
Ao concluír a sesión, ás 12:00, o técnico branquiazul ofrecerá unha rolda de prensa na sala de prensa da instalación deportivista.
Será baixa Mauro Valeiro, concentrado coa selección española sub-17 para xogar a Rolda 2 de clasificación para o Campionato de Europa.
O Xuvenil A, un equipo con estrela en ANOSACANTEIRA
Nos últimos, o Xuvenil A logrou clasificarse en varias ocasións para as fases finais dos principais torneos nacionais, sumando títulos, semifinais e presenzas destacadas entre os mellores clubs do país.
O primeiro gran éxito chegou na temporada 1995-96, cando o equipo deportivista proclamouse campión de España nun formato final de mini-torneo entre 6 equipos.
De novo o Dépor alcanzou a cima o máis alto da Copa de Campións en 2020-21. O equipo eliminou en semifinais ao Real Madrid CF e impúxose na final ao FC Barcelona para levantar o título nacional xuvenil.
Este trofeo permitiu ao conxunto deportivista disputar a Youth League onde superou 2 eliminatorias ata que perdeu na quenda de penaltis da terceira rolda co Dinamo de Kiev.
ABANCA-RIAZOR rexistrou nun dos partidos 20.115 espectadores, situándose como un dos de maior afluencia de toda a historia da competición, protagonizando imaxes que deron a volta a toda Europa.
ANOSACANTEIRA volveu situarse entre as mellores do país na temporada 2024-25, cando alcanzou a Final Four celebrada en Ponferrada, onde caeu en semifinais fronte ao Real Betis Balompié.
Tamén na Copa del Rey xuvenil o Dépor tivo presenza nas roldas decisivas. Na temporada 2010-11, o equipo alcanzou as semifinais, onde foi eliminado polo FC Barcelona após un gran percorrido no torneo.
Máis recentemente, o Xuvenil A volveu situarse entre o catro mellores en 2022-23, durante a Final Four disputada en León, onde o Deportivo caeu en semifinais ante o Real Madrid CF.
Talento local e proxección internacional
Esta temporada, 7 xogadores de ANOSANCANTEIRA son internacionais, un dato que confirma o gran momento do fútbol base deportivista.
Ademais, 5 deses 7 internacionais chegaron ao Dépor en etapa de fútbol 8, é dicir, cando aínda estaban a dar os seus primeiros pasos no fútbol.
Os 7 xogadores son nados en Galicia, o que subliña o peso do talento local no proxecto de canteira.
O Xuvenil A, unha xeración da casa
O Xuvenil A non só destaca polos seus resultados deportivos, senón tamén pola profunda vinculación dos seus xogadores con ANOSACANTEIRA.
Os datos do cadro reflicten un grupo que creceu practicamente na súa totalidade dentro da estrutura formativa branquiazul:
-A media de permanencia no club supera as 7 temporadas (7,17).
-Máis de 2 xogadores acumulan máis de 10 temporadas no club.
-Até 6 futbolistas superan a década de formación na canteira.
-O 47.8% do cadro leva 8 ou máis temporadas no RC Deportivo.
