O Dépor ABANCA regresou á liga cunha derrota pola mínima (1-0) ante a SD Eibar este sábado 1 de novembro en Ipurúa.
Con este resultado, As Nosas quedan con 7 puntos na 13ª posición da Liga F.
Fran Alonso lamentouse de que "tivemos bastante mala sorte. Tivemos unha ocasión clarísima e á volta concedemos o gol".
O Dépor ABANCA tivo a todo o seu cadro dispoñible, incluída Espe Pizarro, xa recuperada da súa lesión muscular e titular ante o seu ex equipo.
Tamén Inês Pereira e Elena formaron parte da citación despois do seu paso polas súas respectivas seleccións.
As outras dúas, Michi Apóstol e Redru, quedaron co Deportivo ABANCA B, que este domingo recibe ás 12:00 á SD Eibar B no campo Arsenio Iglesias.
Paula Novo, lateral dereito de inicio, foi a representante de #ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, a SD Eibar chegaba ao partido cos mesmos puntos que as branquiazuis.
Os primeiros minutos foron moi igualados e con escasas ocasións de gol.
Iribarren tentouno no primeiro cuarto de hora desde fóra da área. Atallou ben Inês Pereira.
O Dépor ABANCA tivo a súa case á media hora nunha boa transición que culmina Paula Gutiérrez cun remate raso que obriga á porteira Astralaga a empregarse a fondo.
Precisamente ao bordo do descanso Astralaga sacou do mesmo recanto dereito un bonito disparo de Olaya.
Con 0-0 chegouse ao descanso nuns primeiros 45 minutos coa posesión do balón para o Dépor ABANCA.
Após o paso polos vestiarios, Ainhoa Marín, após un gran pase de Paula Gutiérrez, botou fóra por pouco un man a man contra Astralaga nunha gran ocasión para marcar. Corría o minuto 47.
E á xogada seguinte, cousas do fútbol, Sara adiántase a Raquel nun centro lateral e bate ao primeiro pau a Inês Pereira.
Tentou o Dépor ABANCA buscar rápido o empate.
Olaya, no minuto 63, mandou demasiado alto o saque dunha falta afastada.
Dous minutos despois, a propia Olaya rematou raso ao pau esquerdo. Astralaga enviou a saque de esquina.
Fran Alonso dá entrada a Bárbara, Henar e Marisa para tentar un cambio de rumbo pero faltou claridade e o Dépor ABANCA apenas puxo en apertos a Astralaga.
"En último terzo faltounos acerto pero aínda así o equipo estivo ben, defensivamente estivemos sólidas. O equipo tentouno constantemente. Tratamos ben o balón pero sen creatividade no último terzo", dixo o preparador branquiazul.
SD Eibar: Astralaga, Garazi, Carla, Patri Ojeda (Moreno, min. 68), Etxezarreta (Altonaga, min. 82), Iribarren (Valej, min. 82), Camiño, Belem, Carmen (Clement, min. 60), Sara (Iara, min. 68) e Mireia
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Paula Novo, Raquel, Marina Artero, Monteagudo, Lucía Martínez (Henar, min. 74), Paula Gutiérrez (Lía, min. 85), Ainhoa Marín, Espe Pizarro (Bárbara, min. 74) e Millene (Marisa, min. 74)
Árbitra: Elena Peláez Arnillas, do comité castelán-leonés. Amoestou a Belem (min. 45), Ainhoa Marín (min. 59), Etxezarreta (min. 62) e Mireia (min. 70)
Goles: 1-0 Sara (min. 48)
Incidencias: partido disputado en Ipurúa correspondente á 9ª xornada en Liga F
