Deportivistas,
após unha temporada na que a vosa ilusión e empuxe foi, un ano máis, o principal motor do Club, queremos profundar nos cambios levados a cabo a pasada campaña e que supuxeron ampliar a franxa de idade para que as nenas, nenos e rapaces do Dépor tivesen máis alcanzable o poder acudir á Nosa Casa a animar a todos os nosos equipos.
Por iso, neste novo ano queremos ir un paso máis aló e ampliar, en cinco anos máis, a franxa de idade de abonos bonificados. Para esta campaña 2023-2024 creamos o abono Sub 30, favorecendo así á parte central da nosa pirámide de persoas abonadas, a aqueles Deportivistas que ao cumprir os 25 anos pasaban a pagar o carné completo.
Non só creamos a figura de Abono Sub 30 senón que aumentamos o desconto para os abonos Sub 25, favorecendo a un maior número de Deportivistas entre os 15 e os 25 anos.
Nesta política de seguir facendo do fútbol un espectáculo o máis accesible posible a toda a sociedade, segmentamos a bancada de Tribuna creando os abonos de Tribuna Córner, achegando o prezo da bancada principal do Estadio aos dos fondos e poñendo máis asentos de primeira categoría a disposición dun maior número de afeccionados. Ademais, como promoción de lanzamento, esta nova bancada terá os mesmos prezos que os córneres de xusto enfronte, os de Preferencia.
Coa política de prezos aplicada esta temporada, por todos os partidos de Liga do Dépor e o Teresa Herrera en ABANCA-RIAZOR, os prezos por partido dos abonos oscilan entre os 2,25 e 22,5 euros, cantidade que diminúe se se xogan partidos de Copa do Rei en casa ou se se acode a Abegondo a animar, sen custo adicional, ao Dépor ABANCA, ao Fabril ou ao Xuvenil.
Esta é a nosa forma de darvos as grazas por conseguir, un ano máis, bater todas as marcas: grazas aos 25.556 Deportivistas que sacastes o voso carné a temporada pasada, grazas aos 28.828 que marcastes a maior asistencia da historia a un partido da categoría, grazas ás 390.649 persoas que ao longo de todos os partidos demostrastes sen descanso porqué sodes A Nosa Forza.
Deportivistas, estamos a desexar volver vervos en casa!

