Ana Lucía de Teresa Romero (Eivissa, Baleares, 5 de novembro de 2001), máis coñecida como ADT, continuará no Deportivo ABANCA unha temporada máis, até o 30 de xuño de 2025.
ADT chegou libre ao Deportivo ABANCA o pasado verán após finalizar a súa vinculación co Levante UD. A pesar de disputar soamente 7 partidos como titular e participar en 19 dos 26 de Primera Federación Iberdrola, a dianteira balear erixiuse na segunda máxima anotadora do equipo branquiazul, con 10 dianas. Ademais, tamén disputou o partido de Copa de la Reina ante o Balears FC, co que acumula 20 encontros oficiais e 10 goles coa camiseta do Dépor ABANCA.
A dianteira ibicenca xogou nos conxuntos C e B do club granota desde 2017. No conxunto valenciano debutou co primeiro equipo na máxima categoría nacional durante o curso 2019-20. As tres campañas posteriores foi cedida a formacións da división de honra: Rayo Vallecano (2020-21), SD Eibar (2021-22) e Sporting Club de Huelva (2022-23).
Co equipo vallecano disputou 18 partidos, 15 deles de inicio, e marcou 5 goles. Co cadro armeiro participou en 16 encontros, 7 como titular, e fixo 1 tanto. E coa formación onubense xogou 19 partidos, 11 de titular, e anotou 2 goles, só un menos que a súa máxima artilleira, a eslovaca Patrícia Hmírová.
En total, Ana de Teresa disputou 54 partidos e marcou 8 goles na máxima categoría nacional, ademais de 18 encontros e 7 tantos na súa única campaña na división de prata, co segundo equipo do Levante UD.
A renovación de ADT únese a outras xa confirmadas como as de Millene e Eva Dios, até xuño de 2025; Paula Gutiérrez, Cris Martínez, Samara, Yohana, Raquel García e Paula Monteagudo, todas elas até 2026; Carmen Carballada e Henar, até 2027, e Elena Vázquez, até 2028.