RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Amigable trabado no Carlos Tartiere (0-0)

Real Oviedo e Dépor protagonizaron esta noite no Estadio Carlos Tartiere un amigable trabado, igualado e con moitas faltas. Con estes ingredientes e as continuas interrupcións, o resultado non podía ser outro que un empate sen goles.

A proximidade do amigable desta noite coa LXXII edición do Trofeo Teresa Herrera, apenas dous días, fixo que Pepe Mel tivese que dosificar esta semana ao seu cadro, reducindo en primeiro lugar a intensidade dos adestramentos desta semana e deixando na Coruña a futbolistas como Guilherme, Juanfran, Sidnei ou Rubén; á marxe dos 'tocados' Celso Borges e Carles Gil.

O partido arrancou con dominio do Oviedo, na presentación do cadro asturiano ante a súa afección.

Os carbayones xa locen os sinais de identidade de Anquela, o seu técnico: equipo correúdo, ordenado, traballador e sacrificado en defensa.

Co paso dos minutos, o xogo equilibrouse de tal modo que apenas houbo algún disparo a porta na primeira metade tanto na meta asturiana como coruñesa.

A segunda metade foi similar á primeira. Pepe Mel moveu o seu banco a partir do minuto 57, pero sen apenas variar o rumbo do partido.

As mellores oportunidades do Dépor foron dous disparos intencionados desde o bordo da área de Fede Cartabia e Bakkali, que sacou o meta Juan Carlos.

O amigable enrareceuse no tramo final coa expulsión de Pepe Mel e Andone cando este estaba xa no banco. O dianteiro deportivista foi reconvido pola bancada durante todo o partido por un rifirafe que tivo ao empezar co central Héctor Verdés.

Real Oviedo: Juan Carlos, Johannesson, Héctor Verdés, Folch, Toché, Linares, Pučko, Christian Fernández, Valentini, Saúl Berjón e David Rocha. Tamén xogaron: Carlos Hernández, Alfonso Herrero, Prendes, Edu Cortina, Jorge Ortiz, Aarón Ñiguez, Mossa, Asier e Viti.

Deportivo: Tytoń, Gerard Valentín, Albentosa, Arribas (Schär, min. 57), Fernando Navarro (Luisinho, min. 75), Edu Expósito, Pedro Mosquera (Fede Valverde, min. 57), Fede Cartabia (Bicho, min. 65), Emre Çolak (Bakkali, min. 65), Borja Valle e Andone (Bruno Gama, min. 57).

Árbitro: Areces Franco, do Colexio Asturiano. Amoestou a Arribas; e expulsou no banco a Andone, tras ser substituído, e a Pepe Mel.