RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone: "imos tentar apurar todas as nosas opcións"

Nada máis recibir o Premio ao Xogador Estrella Galicia correspondente ao mes de febreiro, Florin Andone atendeu aos medios de comunicación.

O dianteiro romanés lembra que quedan aínda "27 puntos en xogo. En fútbol víronse moitas cousas. Oxalá que Dios baixe do ceo e nos dea esa fortuna a nós tamén de salvarnos e de facer algo fóra do que vimos facendo".

Asegura Andone que "estamos moi fodidos pola situación na que estamos. Xa non só por nós, senón por todo o que leva o Club, a cidade, os afeccionados, que sempre estiveron connosco. Sentimos que lles estamos fallando. É unha situación que nos afecta a todos. Só queda semana após semana pensar en positivo".

Así, promete o ariete deportivista que "imos tentar apurar todas as nosas opcións. Imos loitar até o final e esperemos dar unha boa imaxe até final de temporada".

Insiste en que o obxectivo "depende de nós. Se facemos un fútbol bo, práctico, onde teñamos un pouco a sorte de que nos entre a pelota e logo o rival non ten esa sorte, ao final ganas. Moitas veces non tes que ser o mellor. Fóra de casa cústanos moitísimo máis".

Nesta liña, cre que "os últimos 4 partidos en casa fomos xustos merecedores de gañar os 4, e non gañamos ningún. Xa non se como explicar iso. Oxalá se unan todas as facetas para que teñamos esa sorte e non o rival; e podamos conseguir máis puntos que o noso rival agora mesmo que é o Levante".

Do Atlético de Madrid, rival este domingo 1 de abril no Estadio Wanda Metropolitano (20:45, Bein LaLiga), dixo que "pode xogar con quen queira. É o Atlético de Madrid. Está a xogar na súa casa cun equipo moi forte, ao que respectamos moitísimo. Pero non son invencibles. Nós temos que pensar que temos a nosa opción. Temos que tentar encarar o partido como sexa porque até o empate non che vale para nada. Tes que sumar de 3 en 3. Imos ir a arriscar e a tentar levarnos os 3 puntos. Vai ser moi complicado, todos sabemos que é moi difícil e que o favorito é o Atlético de Madrid, pero ¿porqué non podemos romper esa xeira e conseguir un resultado positivo? Temos que confiar, temos que ter fe no que estamos a facer porque nunca sabes cando podes gañar".

Non se fía das baixas do equipo madrileño, "porque ten un fondo de armario moi amplo, ten xogadores moi bos. E están a xogar na súa casa, ao final coa súa xente senten fortes. Está segundo, quere consolidar esa praza e porqué non gañar a liga. Nin moito menos téñennos medo. Quérennos matar, queren sacar os 3 puntos como sexa. Pero aí estaremos nós".

Para tentar sorprender ao Atlético, pide Andone "tentar aguantar sobre todo os primeiros minutos porque fóra de casa é moi difícil meter moitos goles. Eu levo 2 anos aquí e fóra de casa foi moi difícil. Non nos ha ir case nunca ben. A clave é non encaixar pronto, tentar aguantar e oxalá teñamos esa sorte de poder facer algún gol, agarrarnos a iso, facernos fortes, defender ben, e tentar que o partido estea morto e que non teñan eles moitas opcións".