- Foto: RC Deportivo/cedida pola Familia López No -
O 29 de outubro de 1944, hai hoxe 75 anos, Riazor abría as súas portas por primeira vez a un espectáculo deportivo. Aquel domingo, Deportivo e Valencia disputaron o partido inaugural do Estadio Municipal de Riazor.
O conxunto 'ché' levou a vitoria por 2-3 e o seu xogador Vicente Hernández foi o primeiro en anotar un gol no coliseo coruñés. Paquirri foi o primeiro deportivista en deixar a súa firma nas redes das novas porterías. O Deportivo estreou o seu novo terreo de xogo con Acuña, Pedrito, Portugués, Molaza, Bienzobas, Caballero, Viso, Guimeráns, Paquirri, Lezama e Marquínez, ás ordes de Ramón Lafuente. Polo Valencia, adestrado por Eduardo Cubells, saltaron ao céspede Eizaguirre, Pechuán, Juan Ramón, Monzó, Iturraspe (que anos despois sería adestrador deportivista), Llácer, Epi, Vicente Hernández, Igoa, Asensi e Gorostiza. Dirixiu a contenda o asturiano Álvarez Santullano, auxiliado nas bandas polos galegos Couso e López No.
Desde entón, Riazor foi escenario de máis de 1.500 partidos oficiais e máis de 200 encontros amigables do Deportivo, ademais doutros 600 do Fabril desde 1964, ano en que se converteu en filial único deportivista.
Ideado en 1938 polo arquitecto municipal Santiago Rey Pedreira e posto en marcha grazas ao empeño do entón Concelleiro de Urbanismo e posteriormente Alcalde José Pérez-Ardá, o Estadio de Riazor comezou a construírse a finais de 1939.
As obras estendéronse durante practicamente cinco anos, para acabar dando forma ao estadio máis moderno de España nuns momentos nos que o país atravesaba unha dura posguerra. Riazor foi un estadio pioneiro arquitectónicamente, ao ser o primeiro de España en contar cunha bancada en voladizo, a icónica Grada Elevada, e cunha cuberta, a de Tribuna, sen alicerces que entorpecesen a visión dos espectadores.
Ao longo deste tres cuartos de século, o Estadio sufriu dúas grandes remodelacións. A primeira, a principios dos anos 80, para poder albergar partidos da Copa do Mundo da FIFA celebrada en España en 1982, na que se derrubou toda a construción orixinal, salvo a Torre de Marathón. A segunda, mediados os anos 90, para pechalo por completo por ambos os fondos prescindindo da pista de atletismo.
Nos últimos anos, o recinto entrou de cheo no século XXI. Primeiro, co patrocinio que o converteu en Estadio ABANCA-RIAZOR desde 2017. Despois, con diversas obras parciais cuxo punto culminante foi a reforma e rehabilitación da cuberta, en 2018.
Ademais dos miles de partidos de fútbol protagonizados por equipos branquiazuis e de ser sede do Mundial 82, Riazor alberga anualmente, desde 1946, o torneo de fútbol amigable máis antigo do mundo, o Teresa Herrera. Igualmente, serviu de casa de diferentes seleccións españolas e da selección galega absoluta en varias ocasións. Sobre o céspede de Riazor, que en decenas de ocasións albergou a final da Copa da Coruña, tamén viviu momentos de gloria o Karbo Deportivo, que logrou no tepe herculino a última das súas 3 Copas da Raíña.
Riazor foi construído cunha marcada vocación polideportiva, cunha pista de atletismo ao redor do terreo de xogo e canchas de tenis, patinaxe e frontón. O estadio herculino acolleu ao longo dos anos un Campionato do Mundo de atletismo de categoría militar, así como numerosos mitins atléticos nos que participaron algúns dos mellores atletas de sempre como Bob Seagren, Edwin Moses, Said Aouita ou Javier Sotomayor. Tamén foi escenario de varias chegadas de etapa da Volta Ciclista a España, festivais de acrobacias aéreas e, máis aló do deporte, grandes actuacións musicais como o Concerto dos Mil Anos.
Para conmemorar tal efeméride, o RC Deportivo pon á venda hoxe mesmo 'Riazor 75', un libro que repasa o seus tres cuartos de século de existencia. Os afeccionados poden coñecer desde curiosidades e datos sobre as diferentes obras e remodelacións até gozar rememorando as súas vivencias no coliseo herculino a través dunha completa cronoloxía de eventos e competicións celebradas no mesmo.