O Fabril caeu (3-2) esta tarde co Salamanca CF UDS cun gol no minuto 95 nun dos campos históricos do fútbol español, o Helmántico.
Con este resultado, o filial queda con 22 puntos na 8ª posición; iso si, cun partido menos, o aprazado ante o Bergantiños CF nas Eiroas que se xogará o próximo 18 de decembro ás 20:00 horas.
Foron baixa esta tarde Luisao, sancionado; ademais de Quique Teijo e Noé, lesionados. Manuel Pablo espera contar con eles á volta do descanso do Nadal, tal e como apuntou o técnico fabrilista na sala de prensa o pasado venres.
Pola súa banda, o Salamanca CF UDS, que arrincaba o partido con 1 punto máis que os fabrilistas, chegaba após a derrota en Copa ante o RC Celta por 0-7 e após perder en liga (3-1) co Pontevedra CF a pasada fin de semana.
Saíu ben o Fabril, presionando alto, pero foron os locais os que acertaron na súa primeira chegada, aos 9 minutos grazas a Galván e a un descoido defensivo branquiazul.
O atacante salmantino cruza o balón lonxe do alcance de Alberto.
A pesar do gol, o filial non perdeu a compostura e logrou empatar á media hora grazas a Kevin Sánchez, que rematou un centro ao segundo pau de Fabi desde a banda dereita.
Este empate no marcador facía xustiza ao que se estaba vendo no terreo de xogo.
Con esta igualada nun bo primeiro tempo do Fabril chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, o Salamanca CF UDS apertou nos minutos iniciais en busca do segundo tanto.
Froito desta boa saída, os salmantinos volveron adiantarse no marcador grazas a un remate de Emaná que Alberto conseguiu atallar pero o colexiado do encontro, o asturiano Carbajales Gómez, estimou que o balón traspasou a raia de gol.
Sufría o Fabril neste tramo do partido, no que non se atopaba cómodo coa pelota.
Con todo, nunha boa xogada de ataque Kevin Sánchez é derrubado na área. O internacional executou el mesmo a pena máxima, subiu o 2-2 ao marcador e lograba así o seu 6º tanto na liga, situándose a 1 gol dos primeiros clasificados na táboa do pichichi (Antañón do Bergantiños CF, De Almeida do Pontevedra CF e Delgado do Real Valladolid Promesas).
O Salamanca CF UDS acusou o golpe e Bil, que relevara a Darío Germil, puido lograr o 3º para o seu equipo nos mellores minutos do Fabril no partido.
Os charros só levaban perigo a balón parado.
Cando todo parecía abocado ao empate, e mais coa expulsión do xogador local Cristeto no minuto 90, o Fabril non foi capaz de controlar o último arreón salmantino e chegou o 3-2 definitivo no minuto 95, nun saque de banda rápido que propicia un disparo desde a frontal á rede de Lorenzo.
Non houbo tempo para máis no Helmántico e aos fabrilistas escapóuselles 1 punto no último minuto.
O vindeiro sábado 14 de decembro ás 12:00, o Fabril recibe en Abegondo ao CD Laredo.
Salamanca CF UDS: Jon, Souley, Casado, Murua, Cristeto, Álvaro (Lorenzo, min. 78), Amaro, Galván (Jesús Ares, min. 71), Curro (Diego Benito, min. 87), Emaná (Javi Navas, min. 87) e Juancho (Caramelo, min. 71)
Fabril: Alberto, Pablo García (Damián, min. 39), Aarón Sánchez, Marotías, Íker Vidal, Kike Fernández, Alfaro, Guerrero (Hugo Villaverde, min. 68), Fabi (Dylan, min. 83), Kevin Sánchez (Carreira, min. 83) e Darío Germil (Bil, min. 68)
Árbitro: Leandro Carbajales Gómez, do comité asturiano. Amoestou a Murua (min. 26), Emaná (min. 42), Curro (min. 62), Aarón (min. 64), Casado (min. 76), Carreira (min. 85) e Kike Fernández (min 90). Ademais expulsou a Cristeto (min. 90)
Goles: 1-0 Galván (min. 9); 1-1 Kevin (min. 30); 2-1 Emaná (min. 53); 2-2 Kevin, de penalti (min. 74); 3-2 Lorenzo (min. 90+5)
Incidencias: partido correspondente á 15ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no Helmántico