O Fabril caeu derrotado (2-1) en Castro de Rei (Lugo) grazas a un tanto do centrocampista local Iván González no minuto 95 desde o medio do campo, aproveitando a posición adiantada do meta fabrilista Alex Cobo e do resto de xogadores branquiazuis.
O partido arrincou ben para o filial deportivista, que ao cuarto de hora xa se puxo por diante no marcador grazas a un gol de Borja Domingo. Empatou o conxunto lucense á media hora, quizais ao adaptarse mellor ás condicións do terreo de xogo, moi irregular, o que prexudicou claramente ao Fabril, superior tecnicamente ao seu rival.
Con este resultado, o Fabril queda con 29 puntos no grupo de cabeza da Terceira División.
Fabril: Alex Cobo, Quique Fornos, Arnau, Nacho Monsalve, Lucas, Edu Expósito, Óscar, Queijeiro, Borja Domingo, Manu Molina e Borja Galán. Tamén xogaron: Blas e Alex Corredera.
O vindeiro domingo 11 de decembro, o Fabril recibe en Abegondo ao As Pontes, a partir das 12.00 horas.