RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Apoteósico triunfo en Oviedo no desconto en "un partido moi completo do Dépor"

O Dépor logrou unha apoteósica vitoria cun segundo gol de Ximo Navarro no desconto da súa visita ao Real Oviedo no Carlos Tartiere ante centenares de deportivistas nas bancadas.

Con este resultado, Os Nosos suman 39 puntos situados na 10ª posición de LaLiga Hypermotion.

En rolda de prensa, Óscar Gilsanz cre que o equipo "fixo un partido moi completo que demostra esa madurez e esa estabilidade no xogo".

Foron baixas por lesión de Escudero e Gauto, este con unha lesión muscular no recto femoral pendente de valoración médica nos próximos días.

Óscar Gilsanz repetiu o mesmo once co que arrincou o partido a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante a SD Huesca.

Saíu o Oviedo, colíder da categoría co Elche CF, envorcado en ataque nos primeiros minutos.

Aos poucos o Dépor foise sacudindo o dominio e apropiouse da pelota.

Aos 22 minutos, nunha xogada de balón parado, Mario Soriano remata de forma imparable para Aarón no segundo pau un saque de esquina.

Púñase por diante o Dépor nunha acción de estratexia. Óscar Gilsanz puxo en valor na sala de prensa "o traballo do staff. Normalmente o que sae aquí son eu pero estes momentos son a recompensa a todo ese traballo detrás das lonas".

O gol deixou tocado ao Real Oviedo, que perdeu de vista a Helton Leite.

Os branquiazuis, hoxe de amarelo, ameazaron a área ovetense con algunha transición rápida con Mella como principal protagonista.

No entanto, Ilyas puxo no 38 as táboas no marcador ao bater ao porteiro deportivista desde fóra da área ao rexeite da defensa deportivista após un saque de esquina.

Os últimos minutos foron de abafo para o Dépor ante un rival que tentou chegar ao descanso xa en vantaxe.

Pero foi Mario Soriano o que a punto estivo de bater de novo a Aarón pero o seu remate, após outra contra deportivista, marchouse lamiendo o pau dereito da portería asturiana ao tocar cun defensor.

Na segunda metade aínda foi máis acentuada a posesión de balón para o Dépor ante un Oviedo esperando acazapado na súa área.

Yeremay, noutra longa xogada de ataque, rematou pasada a hora de xogo fóra obstaculizado por até 3 defensores asturianos.

Javi Calleja tenta espolear aos seus cun triplo cambio con De la Hoz, Portillo e Viñas.

O Oviedo tivo o partido nas botas de Alemao, que encarou a Helton Leite só e disparou fóra. Os asturianos lanzaron a contra por mor dunha caída na área asturiana de Yeremay cando ía xutar a portería e que ademais lle custou a amarela ao canario.

Pouco despois, Ilyas obrigou a intervir a Helton Leite nun disparo desde a frontal.

Cando todo parecía levar ao empate, o Dépor levou os 3 puntos nun gran contragolpe trenzado por Diego Gómez e Hugo Rama que así explicou Ximo Navarro, o autor do gol, na zona mixta: "Hugo veme perfectamente chegar con toda a banda por diante. Teño vantaxe para chegar aínda que se que está a chegar Dani Calvo. No primeiro disparo Aarón fai unha parada abaixo moi boa, por sorte cáeme o rexeite e acaba felizmente dentro·.

De aquí ao asubío final alegría na bancada ocupada por centenares de deportivistas que regresan a casa felices.

Real Oviedo: Aarón, David Costas, Nacho VM, Sibo (De la Hoz, min. 67), Alemao (Paraschiv, min. 77), Colombatto (Portillo, min. 67), Dani Calvo, Ilyas (Sebas M., min. 85), Seoane, Pomares e Hassan (F. Viñas, min. 67)

Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Obrador, Jose Ángel (Mfulu, min. 78), Mella (Diego Gomez, min. 78), Mario Soriano (Hugo Rama, min. 85), Yeremay (Pablo Martínez, min. 90+2) e Eddahchouri (Bouldini, min. 78)

Árbitro: Muresan Muresan, do comité valenciano. Amoestou a Ilyas (min. 27), Mario Soriano (min. 36), Colombatto (min. 60), Yeremay (min. 75) e Fede Viñas (min. 77)

Goles: 0-1 Mario Soriano (min. 22) 1-1 Ilyas (min. 38); 1-2 Ximo Navarro (min. 90)

Incidencias: partido correspondente á 29ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado no Estadio Carlos Tartiere ante 25.081 espectadores, entre eles polo menos un milleiro de deportivistas