O RC Deportivo activa o protocolo de acceso ao Estadio ABANCA-RIAZOR para o encontro da 8ª xornada de Primera Federación Iberdrola entre o Deportivo ABANCA e o Deportivo Alavés Gloriosas, o domingo 12 de novembro ás 17:00 horas.
A entrada para este partido é obrigatoria xa que ese día non se poderá acceder a ABANCA-RIAZOR co carné de socio, seguindo un protocolo similar ao dos partidos do Dépor ABANCA e o Fabril na Cidade Deportiva de Abegondo.
Os abonados que desexen asistir ao encontro terán desde hoxe mesmo e até o propio día do partido para sacar de forma gratuíta a súa entrada a través da web bancada.rcdeportivo.es, onde poderán escoller asento xa que non terán asignado o seu.
Os socios e socias deberán introducir o seu ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada. Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión, até un máximo de 6 por operación, e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Presentando o DNI ou o abono, os socios e socias tamén poderán retirar a entrada na Oficina de Atención ao Deportivismo (OAD), na Avenida da Habana s/n, no seu horario habitual de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00. Tamén poderán facelo no despacho de billetes do Palacio dos Deportes o mesmo día do encontro.
Para este encontro, unicamente abrirase o anel inferior do Estadio ABANCA-RIAZOR, empezando polas bancadas de Tribuna e Preferencia, habilitándose o resto de bancadas de forma gradual no caso de que sexa necesario.
Para o público, as entradas terán un prezo de 5 euros, que se doarán integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que ademais porá huchas por todo o estadio tanto neste partido como no do día anterior entre Dépor e SD Logroñés. As entradas poderán adquirirse até o propio día do partido, tanto a través de bancada.rcdeportivo.es como na OAD, así como nas horas previas ao choque nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes.