RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

As Nosas non puideron completar a remontada ante a Granada (2-2)

A estas alturas da temporada, e coa igualdade existente na loita polo ascenso, todo partido vólvese transcendental. Máis se cabe cando visita Abegondo uno dos equipos en zona de playoff e cun punto de desvantaxe sobre o Dépor ABANCA.

As Nosas cunha derrota e dous empates no últimos tres partidos, o Granada cunha derrota e dúas vitorias, dirimían unha semana máis a orde nas posicións de privilexio ao final da xornada.

Irene Ferreras afrontou o choque desta fin de semana con cambio absoluto na fronte de ataque: Ainhoa Marín, Laura Fernández, Charle e Millene por Sara Navarro, Eva Dios, Carlota Sánchez e Carlota Suárez respecto ao partido do sábado pasado en Córdoba.

Un partido no que as primeiras en pisar área foron As Nosas e tamén en disparar cun tiro alto desde a frontal de Laura Fernández.

A primeira aproximación do Granada chegou polo costado dereito nun centro á área que sacou de cabeza a córner Cris Martínez. Á saída do mesma Marta rematou sobre a portería deportivista para que blocase Lucía. Pero máis claro, aínda que desviado, rematou tamén en xogada desde a esquina Inés Altamira.

A terceira a balón parado acabou dentro da rede. Un balón de falta botado por Naima ao punto de penalti permitiu a Lauri adiantarse á saída de Lucía para tocar o necesario por encima da gardameta berciana e pór o 0-1 no marcador.

O gol non freou as aspiracións deportivistas que o seguiron tentando, como o fixo Cris Martínez cun bo dereitazo lixeiramente desviado á dereita da portería de Sandra.

O partido púxose aínda máis costa arriba nun disparo que pegou nas costas da zaga e ao que Noe chegou antes que Lucía para facer o segundo tanto visitante e obrigar a buscar o máis difícil aínda cunha hora por diante.

Macías disparou para tentar o terceiro e Lucía tivo que saír aos pés de Noe para evitar o man a man nun tramo final da primeira parte coas Nosas atrancadas e co Granada manexando ben a súa vantaxe e tratando de ampliala.

A pesar de que as sensacións non eran boas, o Dépor ABANCA foise ao vestiario co subidón do gol de Millene de disparo raso cruzado que volvía meter ao equipo no encontro.

Como na primeira parte, a segunda empezou cun disparo de Laura buscando o recanto ao que Sandra puido botar a luva, igual que ao voleón de Charle desde a frontal.

A centro de Paula de falta voou Letti pero o seu remate marchouse lixeiramente desviado por encima da portería.

Recentemente entrada no campo foi Aroa a que puxo o balón na cabeza de Laura Fernández que rematou para que se tirase abaixo Sandra.

Un zapatazo de Millene desde a frontal obrigou a lucirse á gardameta visitante para despexar a córner. Foi nese saque de esquina no que anotou Raquel García o tanto do empate, cun cuarto de hora por diante para buscar completar a remontada.

Nada máis pisar o campo o balón caeu na lateral da área pequena nos pés de Carlota Suárez que estrelou o balón na parte exterior da rede nazarí. Tivo tamén a seguinte en xogada persoal que resolveu cun disparo desde a frontal que blocou Sandra.

Nun balón centrado estivo a piques de marcar en propia porta o Granada, pero o balón tocado por Inés marchouse fóra en pleno asedio local. Un tímido intento do Granada en tempo de desconto e o Dépor ABANCA envorcado até o asubío final marcaron o desenlace dun partido que deixou as cousas tal e como estaban antes do mesmo na loita particular entre coruñesas e granadinas.

Dépor ABANCA: Lucía, Cris Martínez (Aroa Guerra, min. 67), Inés Altamira, Raquel García, Monteagudo, Paula Gutiérrez, Henar (Letti, min. 14), Ainhoa Marín (Samara, min. 82), Laura Fernández (Carlota Suárez, min. 82), Charle (Eva Dios, min. 67) e Millene.

Granada CF: Sandra, Marta, Alicia, Pamela, Lauri, Alba, Gaste, Macías (Inés, min. 67), Naima, Postigo e Noe (Ángeles, min. 73).

Goles: 0-1 Lauri (min. 17); 0-2 Noe (min. 31); 1-2 Millene (min. 44); 2-2 Raquel García (min. 74).

Árbitra: Fírvida Fernández (c. aragonés). Amoestou a Pamela (min. 21), Charle (min. 52) e Ainhoa Marín (90+5).

Incidencias: partido da 25ª xornada de Primeira Federación Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 400 Deportivistas.